Noticias

Carmela Silva destaca na comisión de deputacións provinciais, cabildos e consellos insulares da FEMP o papel das institucións provinciais como defensoras do mundo local

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou que as deputacións provinciais son as "impulsoras da política de proximidade, desde as que estamos a dar respostas reais ás demandas das veciñas e veciños"


13 febreiro 2018
FEMP

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a benvida ás persoas integrantes da Comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares, presidida por Francisco Reyes Martínez, presidente da Deputación de Jaén, e con Francisco Javier Iglesias, presidente da Deputación de Salamanca, como vicepresidente. Na reunión, na que tamén participou o presidente da FEMP, Abel Caballero, estiveron presentes as presidentas das Deputacións de Cádiz, Cáceres e Zamora; os presidentes das Deputacións de Huelva, Segovia, Badajoz, Huesca, Albacete, Burgos, Soria, Castellón, Lugo, León, Cuenca; o presidente do Consello Insular de Ibiza; o presidente do Cabildo Insular de Tenerife e os vicepresidentes provinciais de Pontevedra, Málaga e Ourense así como a vicepresidenta da Deputación de Sevilla.

Carmela Silva agradeceu tanto ao presidente da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP, Francisco Reyes, como ao vicepresidente da Comisión, Francisco Javier Iglesias "que hoxe nos teñamos reunido, aquí, en Pontevedra, todas as Deputacións de España". Sobre a reunión, a presidenta da Deputación pontevedresa asegurou que "imos traballar, debater e acordar temas que permitirán, se somos capaces de convencer ás administracións ás que nos imos dirixir, que haxa máis recursos para o conxunto da cidadanía". Ao respecto, Silva puxo en valor o papel clave das institucións provinciais como "defensoras do mundo local, da política de proximidade, desde as que estamos a dar respostas ás demandas das veciñas e dos veciños".

Ademais, a presidenta da Deputación de Pontevedra na súa comparecencia tamén quixo dedicar unhas palabras ás e aos profesionais da radio con motivo da celebración do seu Día Mundial. Neste eido, a presidenta da Deputación de Pontevedra recoñeceu "en nome de todas as presidentas e presidentes de Deputacións Provinciais, a todas as mulleres e homes que cada día poñen a súa voz á realidade e que permiten que podamos transmitir todo aquilo que facemos desde os gobernos provinciais".

Pola súa banda, o presidente da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP, Francisco Reyes, destacou que "os asuntos que imos tratar afectan ao mundo local e en especial aos pequenos e medianos municipios que son a razón de ser das Deputacións Provinciais". Neste eido, Reyes destacou que na reunión abordaranse cuestións que preocupan ao municipalismo e que foron aprobadas por unanimidade na FEMP como o emprego do superávit por parte das administracións locais. Máis polo miúdo, Reyes destacou que "estamos falando de case 32.000 millóns de euros de superávit nas administracións locais dos que 23.500 están nos bancos cando o necesario e conveniente é que estes cartos se destinen a plans de obras, investimentos sustentables e mellora de servizos".

Sobre esta cuestión tamén falou o vicepresidente da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares, Francisco Javier Iglesias, quen destacou o papel das institucións provincias na crise económica. "Estamos orgullosos –asegurou Iglesias– de ter aportado de xeito significativo o noso gran de area para compensar as contas públicas nos peores momentos da crise económica; fomos os grandes cumpridores pero xa é o momento de contribuír cos nosos aforros ao benestar das persoas e por iso pedimos a flexibilización para poder empregar os remanentes e o superávit".

Outra das cuestións que se abordou na reunión da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP, tal e como explicou o seu presidente, Francisco Reyes, foi a taxa de reposición. Así, Reyes explicou que "desde 2012 se suprimiron case 70.000 empregos na administración local ao tempo que estamos a asumir cada vez máis competencias, con menos recursos humanos. Non é suficiente unha taxa do 100 % xa que perdemos efectivos e precisamos recuperalos para poder asumir as novas competencias que se nos veñen ás administracións locais".

O despoboamento foi tamén outro dos eixos de traballo na reunión da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares. Deste xeito, Reyes explicou que "preocupa o ritmo de despoboamento no mundo rural e, desgraciadamente, desde o Goberno e desde as Comunidades Autónomas non se están a poñer en marcha medidas lexislativas nin recursos suficientes para facer fronte ao reto do despoboamento".

Sobre o despoboamento, o vicepresidente da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP, Francisco Javier Iglesias, destacou que "é unha das cuestións que nos ameazan e preocupan xa que somos as deputacións as administracións públicas que mellor coñecemos os problemas das persoas que non viven nas grandes cidades e, polo tanto, unha ferramenta útil e de futuro para facer políticas que permitan paliar o despoboamento". Máis polo miúdo, Iglesias destacou na necesidade de "impulsar políticas transversais que incidan directamente na protección e amparo das persoas que o teñen un pouco máis difícil e que son protagonistas de sectores económicos tan importantes en España como é a gandería, a agricultura e a industria agroalimentaria".

Xa para rematar, a reunión abordou tamén cuestións relativas ao convenio coa Dirección Xeral de Tráfico, para facilitar a transmisión de información.