Noticias

Carmela Silva e Abel Caballero inauguran o renovado campo de fútbol As Relfas en Sárdoma

A Deputación de Pontevedra investiu máis de 235.000 euros na renovación do céspede artificial e na instalación do nova iluminación do terreo de xogo


06 febreiro 2020
Presentación do campo As Relfas de Sárdoma

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto a Abel Caballero, alcalde de Vigo, inaugurou esta tarde o renovado Campo de Fútbol As Relfas, en Sárdoma, proxecto enmarcado no convenio entre a Deputación e o Concello de Vigo para a renovación de diferentes instalacións deportivas da cidade. No acto tamén participaron nenas e nenos do Sárdoma Club De Fútbol e o Moledo C.F., os dous clubs vigueses que, con máis de 20 equipos, xogan habitualmente nestas instalacións, e as súas directivas, a presidenta do Sárdoma, Begoña Aldao, e o presidente do Moledo, Carlos Lago.

Carmela Silva manifestou a súa emoción "ante a renovación dun campo que me fai moi feliz porque todas as persoas teñen que ter as mellores instalacións para facer o deporte nas mellores condicións". A presidenta provincial, que lembrou os campos de terra que fai anos eran os que tiña o fútbol base, "nos que adestraba o meu fillo", felicitou a ambos os dous clubs "porque na base o fútbol ten que ser mixto. As nenas e os nenos teñen que xogar xuntos porque todas e todos somos iguais". Carmela Silva recordou tamén que tanto o Sárdoma como o Moledo xogan na Copa Deputación, o primeiro na feminina e o segundo na masculina, e desexoulles moita sorte. "De feito, lembrou, o Sárdoma gañou xa dúas veces a nosa Copa"

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, agradeceu o esforzo e a colaboración que "agora si está a facer a Deputación de Pontevedra en Vigo desde que Carmela Silva é presidenta", e enxalzou as virtudes "destas renovadas instalacións, que eran un patatal, e que agora, grazas ao apoio da Deputación, convertemos nun gran campo de fútbol". O alcalde anunciou, ademais, que o Concello afrontará proximamente a renovación dos vestiarios.

A actuación no campo das Relfas en Sárdoma, orzamentada en 408.565,80 euros dos cales a Deputación de Pontevedra achegou 236.745,48 euros, consistiu na instalación dun novo céspede artificial de última xeración con base elástica sobre o pavimento existente de aglomerado asfáltico, e a renovación da instalación da iluminación do terreo de xogo, reducindo a demanda de enerxía eléctrica, os custos enerxéticos e os impactos ambientais.

Fotos