Noticias

Carmela Silva e José Cacabelos presentan o futuro auditorio multiusos e aula de música do Grove "unha demanda histórica da veciñanza desde hai 40 anos"

A presidenta provincial e o alcalde confirmaron recursos por case 6 millóns de euros no Grove en tres anos de lexislatura. "É o maior investimento feito nunca pola Deputación neste concello"


10 xullo 2018
Novo auditorio no Grove

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou esta mañá o Concello do Grove para manter unha reunión co seu alcalde, José Cacabelos, e coñecer in situ os terreos no que se desenvolverá o futuro auditorio da vila, financiado con 1,5 millóns do Plan de Reequilibrio e medio millón de euros do Plan Concellos. Esta nova infraestrutura cultural, segundo declarou Silva, está pensada para dar cumprimento a unha demanda histórica do Grove, que leva máis de corenta anos agardando por un auditorio para dar cabida aos eventos culturais na vila.

Carmela Silva asegurou que o auditorio multiusos e aula de música do Grove "trátase dun proxecto moderno, vangardista, innovador, que da resposta a unha demanda histórica da veciñanza da vila". Neste contexto, a presidenta provincial aproveitou a ocasión para felicitar ao Goberno local por "investir os recursos da Deputación en equipamentos tan importantes como son os relacionados coa cultura e con facela accesible á cidadanía".

Ademais, Silva destacou que o proxecto "pensa tamén no futuro", xa que vai permitir urbanizar e acondicionar unha zona moi importante do Grove. Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación destacou que "O Grove é un dos concellos da provincia que ten unha visión máis clara de que concello quere construír e cada unha das obras e actuacións que pon en marcha ten que ver con este modelo: un modelo pensado para as persoas, moderno, que está a permitir configurar unha vila con todos os servizos e garantindo todos os dereitos". De feito, a construción do auditorio vai mellorar e integrar o espazo de Monte da Vila no Grove, con novas vías, apostando pola accesibilidade e situando ás persoas no centro da súa configuración urbana.

A presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para recordar que o Goberno provincial leva investido no Grove, desde o 2015, 6 millóns de euros, "unha cifra histórica de achegas da institución á vila, feita con criterios claros, obxectivos, transparentes e respectando sempre a autonomía local do concello".

Tamén recordou Silva que nestes tres anos O Salnés recibiu 52 millóns de euros, "como nunca na historia da Deputación". Destas achegas, soamente a través do Plan de Reequilibrio destináronse tres millóns de euros que están a beneficiar a vilas como Catoira, con 400.000 euros, O Grove, con 1,5 millóns de euros, A Illa de Arousa, con 1,5 millóns de euros, e Meis, con preto de 300.000 euros.

Pola súa banda, o alcalde do Grove agradeceu ao Goberno de Carmela Silva os investimentos que está a achegar á vila. "Seis millóns de euros en tres anos, unha cifra que quero recalcar porque converte á Deputación na administración que fixo o maior investimento nun período tan curto de tempo", manifestou Cacabelos.

Tamén fixo fincapé o alcalde meco no respecto á autonomía municipal do novo Goberno da Deputación. "Por fin temos unha Deputación moderna, do século XXI, que considera que os concellos somos maiores de idade e temos criterio e capacidade para investir os cartos, cousa que antes non acontecía xa que tiñamos un rei mago gobernando na provincia que outorgaba os recursos segundo lle apetecía e nos dicía onde facer os investimentos", asegurou o alcalde.

Cacabelos explicou que nestes momentos o proxecto do auditorio atópase en proceso de licitación. "Onte había 41 empresas que tiñan consultado os pregos así que agardo que no mes de setembro poidamos vir ata aquí a poñer a primeira pedra e comezar a facer realidade un sono que levan esperando máis de 40 anos as veciñas e veciños", manifestou o alcalde do Grove.

O proxecto do auditorio, polo que a cidadanía do Grove leva agardando máis de 40 anos, ten un custo total de 4,3 millóns de euros dos cales o 44 % os achega a Deputación de Pontevedra e o 56 % o Concello. "O investimento da Xunta de Galicia é moi fácil de calcular porque é do cero por cento –indicou o alcalde–A diferencia da reunión que mantiven coa presidenta da Deputación, con todo facilidades, cando fixen o mesmo co conselleiro de Cultura o que me dixo foi que eles non están para investir en auditorios".

Por outra banda, o alcalde do Grove aproveitou a ocasión para reivindicar que "levamos dez anos intentando sacar adiante un centro de día, que depende exclusivamente de que a Xunta nos aprobe un plan especial e, despois de tanto tempo, de presentar todas as modificacións que nos pedían, nos escriben o outro día para pedir outras oito cousas máis… soamente falta o informe da Axencia Espacial Europea para poñer en marcha o centro de día". Ademais, Cacabelos tamén amosou a súa desconformidade co modo de actuar da Xunta, que fai que "obras do Plan Concellos corran perigo porque nos teñen ata máis de 8 meses pendentes de autorizacións".