Noticias

Carmela Silva enxalza a importancia dos Premios María Luz Morales para "poñer en valor a gran cultura audiovisual das galegas e dos galegos"

A presidenta destaca o papel fundamental deste certame, que premiará ensaio escrito e videoensaio, para visibilizar a figura da galega María Luz Morales, "pioneira do xornalismo cultural no século XX"


01 decembro 2019
Carmela Silva enxalza a importancia dos premios María Luz Morales

A Deputación de Pontevedra acollerá a celebración da próxima edición dos Premios María Luz Morales de ensaio sobre o audiovisual. Así, a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, o vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual, Pepe Coira, e o asesor de Cultura da Deputación de Ourense, Aurelio Gómez, presentaron a cuarta edición deste certame ensaístico ao abeiro do Culturgal. Estes premios teñen por obxectivo "poñer en valor a grande cultura audiovisual das galegas e dos galegos", tal e como afirmou a presidenta.

"Tomamos agora o relevo destes premios que manifestan a grande revolución audiovisual que vive Galicia, con proxectos que están a recibir recoñecemento nacional e internacional, con xente con moito nivel e películas que están xirando por todo o planeta feitas no noso idioma, protagonizadas por persoas de aquí, con guionistas, produtoras e produtores galegos".

A presidenta enxalzou o papel de María Luz Morales, unha xornalista nada na Coruña, "pioneira do xornalismo cultural no século XX, que en 1924 se fai cargo da crítica cinematográfica co pseudónimo masculino de Felipe Centeno, nome dun personaxe de Benito Pérez Galdós, porque daquela as mulleres tiñamos que asinar con nomes de homes". En 1936 chegou a ser directora de La Vanguardia pero, debido á Guerra Civil e á represión franquista, foi detida durante 40 días. Despois da guerra, en 1948 comeza a traballar en El Diario de Barcelona como crítica teatral case ata a súa morte.

Por estes motivos, Carmela Silva agradeceulle á Academia Galega do Audiovisual esta "grande idea" que permite "presumir do que está a acontecer no audiovisual da nosa terra" e "recuperar o nome desta grande muller, sacándoa do silencio". Así mesmo, animou as persoas interesadas a presentarse a estes premios, que "son unha catapulta para poder desenvolver logo a vosa actividade".

Os premios María Luz Morales naceron no ano 2017 e están organizados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas. A súa finalidade é promover a investigación científica no ámbito audiovisual e recoñecer a figura da escritora e xornalista coruñesa María Luz Morales Godoy, a primeira muller en dirixir un xornal de tirada nacional en España.

Máis polo miúdo, tal e como sinalou o vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual Pepe Coira, os ensaios presentados ao certame poderán ser de dúas modalidades (ensaio escrito e videoensaio) e cada unha destas modalidades terá dúas categorías, unha que abarca calquera aspecto do audiovisual do ámbito internacional e outra na que se recollerán ensaios que estean relacionados especificamente co audiovisual galego. Coira tamén informou que o prazo de entrega dos traballos ábrese mañá luns 2 de decembro e rematará o 3 de maio.

Fotos