Noticias

Carmela Silva enxalza o compromiso da comisaria Estíbaliz Palma na loita contra as violencias machistas

A presidenta recibiu esta mañá, no marco "dunha visita histórica", á primeira muller que ocupa o cargo de comisaria da Policía Nacional en Pontevedra


09 abril 2019

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu esta mañá no Pazo provincial á primeira muller comisaria da Policía Nacional en Pontevedra, Estíbaliz Palma. "Sinto un gran orgullo porque unha muller sexa a comisaria nesta provincia, esta é unha visita histórica", asegurou Silva, e engadiu que "as mulleres temos que chegar a todas partes, temos que estar en espazos de dirección porque somos o 52 % da poboación e ademais estamos moi formadas e moi capacitadas".

Carmela Silva amosou a súa satisfacción porque "esta comisaria ten un compromiso total e absoluto na loita contra as violencias que padecemos as mulleres, isto forma parte do núcleo das preocupacións e ocupacións de Estíbaliz Palma". Ademais, a presidenta aproveitou a ocasión para poñer en valor ás forzas de seguridades do Estado, "que son imprescindibles nun Estado de dereito, non pode haber Estado de dereito se non temos seguridade, e estes corpos e forzas de seguridade que temos son unha garantía". Neste ámbito,  Silva enxalzou a importancia de que todas as institucións, forzas e corpos de seguridade do Estado traballen xunto coas administracións, e "Estíbaliz Palma é unha muller cunha longa traxectoria, profundamente demócrata, e que entende o mundo como unha suma de sinerxías".

Pola súa banda, a comisaria Estíbaliz Palma fixo fincapé en que "estamos aquí para axudar e para proporcionar a máxima seguridade, especialmente para as mulleres e as persoas máis vitimizadas". A comisaria tamén sinalou, respecto á colaboración entre institucións da que falou a presidenta, que "cando traballas ben e a gusto coas persoas, ademais de coas institucións, provoca unha sinerxía que da mellores resultados e nos converte en máis eficientes". 

Audios

  • Audio