Noticias

Carmela Silva insta a Feijóo a convocar as deputacións para poder anticiparse e tomar medidas ante as previsións da Xunta sobre o pico da pandemia

A presidenta provincial de Pontevedra ofrécelle unha vez máis á Xunta de Galicia o seu "ánimo de colaboración para darlles respostas coordinadas á cidadanía"


03 abril 2020

Ante as novas previsións da Xunta de Galicia sobre a evolución da crise sanitaria na comunidade autónoma, que situarían o pico da pandemia ao longo deste mes de abril, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, instou hoxe ao presidente Feijóo a que convoque telematicamente, no prazo máis breve posible, ás catro deputacións galegas "para que, ante estas previsións, as administracións provinciais, que traballan e coñecen o día a día dos seus territorios, poidan anticiparse tomando as decisións e as novas medidas que correspondan".

Nunha carta que lle remitiu ao presidente galego "co ánimo e co afán de cooperación" a presidenta provincial trasladoulle a preocupación, as inquietudes e os temores que moitas familias, concellos e persoal sanitario, de atención a maiores ou de ONG están a achegarlle á Deputación de Pontevedra en relación coa pandemia da COVID-19. Na misiva, Silva lémbralle a Feijóo que, como administracións públicas de ámbito provincial, "esta anunciada repunta obríganos a ter a máxima información posible sobre os nosos territorios para poder avaliar adecuadamente a situación e poder tomar decisións de forma anticipada". Como sinala, "é fundamental coñecer, se existen, os plans de continxencia autonómicos para as UCI, os hospitais e os centros de maiores, que son neste momento as grandes preocupacións que temos e que se nos trasladan".

Neste sentido, Carmela Silva apelou ao presidente da Xunta a dar respostas acertadas, "e sobre todo coordinadas", ante o incremento da incerteza social unha vez coñecida a información ofrecida polo executivo autonómico sobre a maior virulencia do virus. "É por iso que, para aportar información fiable, gustaríanos que estudases a posibilidade de convocar vía telemática as catro Deputacións galegas para que nos poidas trasladar a información e así poder ter respostas que permitan mensaxes unitarias sobre as medidas que está a adoptar a Administración autonómica, que é a que ten as competencias en sanidade, dependencia e política social".

A presidenta da Deputación de Pontevedra remata o seu escrito mostrando unha vez máis "o noso afán de colaboración" e expresar que "consideramos que é imprescindible que o presidente de todas as galegas e galegos lidere unha información transparente e marque as liñas de coordinación de todas as administracións públicas para transmitirlle tranquilidade ao conxunto da cidadanía".