Noticias

Carmela Silva invita ao entusiasta alumnado do CPI da Cañiza a unha loita conxunta contra o machismo na décima parada de "Mulleres en acción.Violencia zero"

Gena Baamonde, coa súa obra Tecor, utilizou a ironía e o símil da "caza" para denunciar a violencia de xénero e a desigualdade nas estruturas de poder da sociedade actual


16 abril 2018
Violencia Zero A Cañiza

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez, e a deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, asistiu este luns á décima intervención artística do programa "Mulleres en acción. Violencia zero", unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

Ante o medio centenar de alumnos e alumnas do CPI da Cañiza que participaron activamente na acción e que vestiron as camisetas de Violencia zero, Carmela Silva lanzou unha mensaxe reivindicativa na que resaltou que "temos que cambiar o mundo desde os centros educativos e para iso necesitamos o apoio dos mestres e das mestras. As mozas e os mozos son os nosos mellores aliados e aliadas para conseguir unha sociedade igualitaria". A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén aproveitou o programa "Mulleres en acción. Violencia zero" para facerlles ver ás nenas e nenos asistentes a escasa presenza da muller en postos de dirección e para detallar a magnitude da lacra que supoñen as violencias machistas. Así, Carmela ofreceu os terribles datos sobre violencias machistas explicando que "no que levamos de ano xa foron asasinadas 10 mulleres, o ano pasado, 55, e desde 2003, desde que se recompila esta estatística, case 1.000 mulleres foron asasinadas".

Nesta ocasión, a protagonista da acción artística foi Gena Baamonde, directora, actriz e creadora titulada en Dirección de Escena, que interpretou, na Casa da Cultura da Cañiza, a súa obra Tecor. A obra, na que participaron algúns dos alumnos e alumnas, utiliza a acidez e a ironía para denunciar a escasa presenza da muller nas estruturas de poder e, en definitiva, representar situacións que parecen banais pero que son parte dun sistema que favorece a desigualdade e que acaba desembocando nas violencias machistas e o asasinato de mulleres. Gena Baamonde rematou a súa actuación dirixíndose aos nenos e nenas asistentes para sinalarlles que "seredes vós quen poderedes cortar a expansión deste modelo de sociedade inxusto e machista que actúa coma un virus mundial". Ao finalizar a acción artística, os alumnos e alumnas do CPI da Cañiza interactuaron coa artista, facendo preguntas, reflexionando sobre as violencias machistas e amosando a súa preocupación por esta lacra.

Carmela Silva rematou explicando que "creamos este programa para denunciar o que está a acontecer e para reflexionar sobre como cambiar a sociedade. Nas vosas mans está conseguilo e seguro que a acción de hoxe vai remover conciencias e espertar a capacidade de debate para loitar fronte as violencias que sofren as mulleres". Pola súa banda, Miguel Domínguez, alcalde da Cañiza, agradeceu á Deputación de Pontevedra a posta en marcha deste programa e destacou que "educar en igualdade é o camiño para erradicar as violencias machistas".

"Mulleres en acción. Violencia zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente terá lugar este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).


Novas relacionadas

Mulleres en Acción. Violencia Zero en Barro

24 abril 2018, barro, violencia zero, mulleres en acción, amparo novas