Noticias

Carmela Silva lembra na presentación do Vigo Seafest a importancia de promover o consumo saudable e sustentable de peixe

A Deputación de Pontevedra achega 50.000 euros para a celebración do "evento gastronómico en torno ao peixe máis importante de Europa"


26 xuño 2019
Seafest

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, salientou durante a presentación do festival Vigo SeaFest que este "gran proxecto é unha idea necesaria para poñer en valor a historia de Vigo, ligada á actividade do mar, e tamén un investimento de futuro que permitirá que Vigo sexa sendo grande". A presidenta provincial participou no acto ao que tamén asistiron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, o director xerente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI, organizadora do festival), José Antonio Suárez-Llanos, o director executivo da Axencia Europea do Control da Pesca, Pascal Savouret, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique César López, e o delegado en Pontevedra de GADISA, Pablo Louro.

O Vigo SeaFest, que Carmela Silva lembrou que "é o evento gastronómico en torno ao peixe máis importante de Europa", terá lugar entre o 4 e o 7 de xullo como "un evento gastronómico, musical e de ocio ligado á felicidade que perseguimos os seres humanos". A presidenta provincial lembrou que "Vigo é sector pesqueiro e témolo que poñer en valor a través da gastronomía e da cultura", no que se enmarca un festival "que pon en valor o sector do mar, o peixe, a gastronomía e o consumo saudable e sustentable do peixe" e no que o público poderá "gozar de pratos exquisitos, de peixes de gran calidade –nas Rías Baixas temos os mellores do mundo– e de accións de promoción de consumo".

En canto ao consumo, Silva amosouse preocupada xa que "hoxe lemos un informe do Ministerio de Pesca que sinala que o consumo de peixe minguou un 16,5 % nos últimos 10 anos, e que ese descenso foi sostido durante os últimos cinco". A este respecto, Carmela Silva asegurou que "o obxectivo de todas as administracións debe ser promover o consumo de peixe, fundamental para a nosa saúde, e nós ímolo facer a través do Vigo SeaFest". A presidenta provincial lembrou que o consumo medio de peixe en España é de 23 quilos ao ano, "e iso é moi pouco".

Carmela Silva tamén se quixo referir ás medidas sociais implantadas no Vigo SeaFest, como as que permiten visibilizar e acceder ás persoas con diversidade funcional, xa que "todas as persoas somos diversas e temos moito que achegar á sociedade". En concreto, realizarase un percorrido pola ría de Vigo empregando a lingua de signos. Ademais, iniciativas que buscan visibilizar ás mulleres do sector e que se desenvolverán da man da fundación Fundamar, da que "son unha gran admiradora", sinalou Carmela Silva. A presidenta lembrou que "as mulleres debemos ocupar os espazos que nos corresponden: somos as mariscadoras, as traballadoras da conserva ou grandes investigadoras con grandes recoñecementos".

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo fincapé na necesidade de "implicar a toda a sociedade nos valores da saúde e da sustentabilidade porque son a nosa forma de entendernos colectivamente" nunha cidade cun "respecto inmenso polo mar, que xa estaba moito antes de que estivera todo o resto, e que lle imos amosar a todo o mundo a través do Vigo SeaFest".

A Deputación colabora co Vigo SeaFest a través dun convenio co Concello de Vigo polo que a institución provincial achega 50.000 euros para deste xeito promover os produtos pesqueiros locais e a súa cultura gastronómica, divulgar a importancia da pesca sustentable, fomentar o consumo do peixe, consolidar o emprego ao promocionar empresas e marcas pesqueiras locais, así como promover Vigo e as Rías Baixas como destino turístico e gastronómico.

Do 4 ao 7 de xullo prevese que pasarán pola cidade arredor de 100.000 persoas para asistir ao Vigo SeaFest. Estarán presentes 12 restaurantes (10 de Vigo, un de Redondela e un portugués) e as e os chefs realizarán pratos exclusivos que se poderán mercar por catro euros. Os peixes que empregarán serán o rape, o lagostino, o bacallau, a quenlla, o gallo, a galiña de mar, o calamar, o atún patudo, o fletán negro, a raia, o marraxo e a pescada.

O SeaFest ten como obxectivos a promoción do consumo de peixe e alertar sobre a necesidade de coidar o medio ambiente con prácticas sustentables. Haberá actividades como obradoiros, exposicións, actividades deportivas, catas, showrooms e tamén concertos, a cargo de The Secret Investments, Le Suite Band, Antonio Lizana, The Swinging Flamingos, Clarence Bekker Band, Black Stereo, Aurora The Betrayers, Thomas Living & Bruno Soares Sax, The Happiness Freqüency, DOUS, Rodri Vegas & Dani Villa & Cheky, La Comisaria, Thomas Living ou Cronicas Pop, entre outros. Os embaixadores serán os televisivos irmáns Torres.