Noticias

Carmela Silva: "na nosa aposta pola modernización e innovación turística é fundamental traballar da man co sector, sumando sinerxias e camiñando á par"

A presidenta provincial coñeceu os 5 proxectos seleccionados na 2ª edición da Aceleradora Turistic, onde reciben apoio personalizado para pór en marcha cadansúa iniciativa


14 marzo 2019

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo esta mañá un encontro coas persoas responsables dos cinco proxectos turísticos que foron escollidos para participar na segunda edición da Aceleradora Turistic, unha iniciativa a través da que reciben apoio e asesoramento personalizado para a posta en marcha das súas iniciativas. "A aposta pola modernización e a innovación do sector turístico da provincia é unha das nosas liñas estratéxicas e somos conscientes de que isto só ten cabida se traballamos da man co sector, sumando sinerxias e camiñando á par. Queremos estar sempre do lado do sector e por iso impulsamos iniciativas coma esta Aceleradora Turistic", explicou Carmela Silva.

"Desde as administracións debemos facilitarlles as cousas ás empresas, entidades, persoas autónomas e emprendedoras que poñen en marcha iniciativas para potenciar o noso sector turístico. Un sector do que debemos sentir moito orgullo, que precisamos poñelo máis en valor, porque é moi potente, innovador e comprometido. Estamos converténdonos en referentes e buscamos a excelencia", sinalou a presidenta tras felicitar aos 5 proxectos participantes este ano na Aceleradora Turistic, que foron seleccionados dun total de 14 propostas presentadas.

Os proxectos que participan na segunda edición deste programa son variados e cobren toda a xeografía da provincia. Pazo de Rubianes, unha das bodegas da D.O. Rias Baixas, busca poñer en marcha un proxecto de excelencia enoturística para o que buscan asesoramento para acadar máis presenza e máis visibilidade, podendo ser capaces de atraer máis visitantes. Vigopeques Trip é un proxecto de Begoña Estévez que parte dun blog de ocio e turismo familiar, que leva 7 anos funcionando, e que agora, en demanda das familias visitantes do blog, pretende dar un paso máis cara adiante e transformarse ademais nun espazo para a organización de viaxes e propostas de turismo e ocio para familias.

Manuel Lage, con Celtic Ways, situada en Mondariz, é unha empresa de servizos turísticos especializados para a formación de guías turísticas, buscando a excelencia nos servizos que se ofertan no sector. En Turismo de Época, Jesús Díaz propón a realización de rutas turísticas, con guía oficial, nun vehículo antigo de época, evocando así como eran as viaxes noutros tempos e facendo así unha proposta innovadora e diferenciadora. Os irmáns Troncoso están arrancando na Guarda un albergue turístico (aínda sen nome definitivo), a uns metros do Camiño Portugués da Costa. É unha casa mariñeira antiga, que terá espazo para 17 persoas, e que aposta polo turismo sostible, de calidade e de promoción local.

A través da Aceleradora Turistic, estes proxectos reciben apoio personalizado para arrancar e potenciar cadansúa iniciativa. Terán asesoramento para ámbitos como a promoción e o marketing, a creación de plans e ferramentas tecnolóxicas para a comercialización dos seus servizos e a mellora da súa presenza en redes sociais. A Aceleradora Turistic é un programa punteiro a nivel nacional, destinado a fomentar os proxectos de innovación, marketing e adaptación ás novas tecnoloxías das empresas do sector turístico.