Noticias

Carmela Silva: "o camiño de cara ao emprego vai amosando lugares de luz pero temos que ter cautela"

A presidenta da Deputación valorou positivamente os datos da EPA pero alertou de que aínda queda moito traballo que facer en canto ao paro feminino e á calidade do emprego


25 outubro 2018
Carmela Silva EPA

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción tras coñecer os datos reflexados na Enquisa de Poboación Activa (EPA)  do terceiro trimestre deste ano coñecida esta mesma mañá, aínda que mostrou cautela. "Sen dúbida son unhas cifras positivas que temos que resaltar. Parece que o camiño de cara ao emprego vai amosando lugares de luz e non de sombra como ata o de agora pero temos que ser prudentes e responsables porque o camiño é longo".

Silva recoñeceu que os datos que amosa a enquisa son positivos porque por primeira vez dende 2008 a taxa de paro baixa do 15 % en España, aínda que incidiu en que "temos que seguir traballando para mellorar no que respecta á calidade do emprego e aos dereitos laborais". Segundo a EPA, o terceiro trimestre do ano, o número de persoas ocupadas aumenta en 183.900 persoas e o número de paradas e parados descende en 164.100 persoas, situándose a taxa de desemprego no 14,55 %. Neste eido, tamén baixa a taxa de paro feminina ata o 16,26 % pero segue a ser máis alta que a masculina, que se atopa nun 13,12 %, ao que a presidenta apuntou que "queda moito traballo que facer para resolver esta desigualdade ao igual que co emprego a tempo parcial porque os datos demostran que hai que seguir loitando para que o emprego sexa indefinido con dereitos". Outro dos datos positivos que salientou a presidenta da Deputación foi o descenso dos fogares con todos os seus membros en desemprego que diminúen en 29.500, mentres que aqueles que contan con tódolos habitantes ocupados aumentou en 139.300.

Silva tamén quixo resaltar a baixada do número de parados tanto en Galicia como na provincia de Pontevedra que, segundo os datos da EPA, caeron en 22.100 e en 7.900 persoas, respectivamente. Aínda así, alertou que segue a diminuír a poboación activa, entre outras cousas porque continúa a haber unha emigración xuvenil moi elevada. Para concluír, a presidenta destacou que "hoxe é un día para mirar o futuro con optimismo, pero sempre sen perder de vista que temos moito que mellorar".

Audios

  • Audio