Noticias

Carmela Silva pon á campioa mundial feminina de vela Paloma González coma "un novo exemplo de que o deporte feminino chegou para quedarse"

A presidenta fixo un recoñecemento público á deportista pontevedresa e á súa irmá Paula, "que contribúen a que a nosa provincia siga sendo un referente no mundo da vela feminina en todo o planeta"


10 agosto 2018
,Carmela Silva, xunto á deputada Chelo Besada, recibiu esta mañá no Pazo Provincial á deportista pontevedresa Paloma González Esteban

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada de Deportes Chelo Besada, recibiu esta mañá no Pazo Provincial á deportista pontevedresa Paloma González Esteban, que vén de acadar, xunto á súa irmá Paula, a medalla de ouro na categoría feminina no Campionato do Mundo de clase vaurien de vela celebrado a finais de xullo en Alemaña. As dúas irmás lograron ademais o bronce na categoría júnior, onde compiten equipos de homes e de mulleres e elas eran o único equipo feminino.

Carmela Silva mostrouse moi orgullosa por "poñer en valor, unha vez máis, estes dous novos éxitos de mulleres no mundo do deporte. É algo que temos que facer sempre porque son as mulleres as que están dándonos tantas alegrías e gañando as medallas. É moi importante que o destaquemos porque, por desgraza, elas teñen moitas máis dificultades para poder conquistar éxitos deportivos e porque hai moito menos apoio para o deporte feminino".

A presidenta destacou que, polo tanto, "ten un enorme valor o que fan as nosas mulleres deportistas. Paloma e Paula, e a súa irmá Mirian que tamén compite, son deportistas que teñen acadado enormes éxitos, pero que aínda lles quedan moitos máis por conseguir". Silva lembraba algunhas declaracións das irmás González Esteban tras ser proclamadas campioas do mundo, nas que expoñían que querían gañar aínda máis, "así que temos unha gran sorte de ter unhas mulleres deportistas tan ambiciosas que o gañan todo, e que aspiran aínda a máis. Sempre é loable ter ambición de seguir traendo medallas e éxitos para a nosa provincia, e que fan que a nosa provincia sexa un referente no mundo da vela feminina en todo o planeta".

A presidenta provincial indicou que as irmás González Esteban son "a imaxe viva de que as cousas no mundo do deporte feminino se poden cambiar, sempre con moito tesón, con moitas ganas e con moita ambición. Estas dúas campioas son un exemplo máis, coma o de moitas mulleres deportistas ultimamente, de que o deporte feminino chegou para quedarse".

Pola súa parte, Paloma González Esteban agradeceu a recepción de hoxe e mostrouse convencida de que actos coma este serven tamén para que "o deporte feminino estea sendo cada vez máis considerado e máis posto en valor". A deportista pontevedresa afirmou que agarda que o ano que vén, no campionato do mundo, lles vaia aínda mellor, volvendo a acadar a primeira posición na categoría feminina pero conseguindo mellorar a súa posición na categoría júnior e na clasificación xeral absoluta.

Audios

  • Audio