Noticias

Carmela Silva pon en valor o papel de "todas as nais que nos alimentan de soños e esperanzas" na inauguración da escultura "Muller dando o peito" en Cambados

A peza foi doada pola Deputación de Pontevedra á vila do Salnés despois do seu percorrido pola provincia no marco da mostra itinerante da Escola de Cantería "Nado en Pedra"


19 xullo 2019

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto a deputada de dotacións educativas Noemí Outeda, e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, inaugurou hoxe a escultura "Muller dando o peito", pertencente a mostra itinerante da Escola de Cantería "Nado en Pedra" e elaborada polo alumno Rubén Touriño. "Esta fermosa estatua dunha nai dando o peito está dedicada a todas as nais que realmente seguen a alimentarnos de soños e esperanzas. As mulleres manteñen o planeta", enxalzou Silva.

Na súa intervención, a presidenta provincial lembrou que esta escultura foi doada dende a Deputación tras a solicitude do goberno municipal de Cambados "despois do gran éxito que tivo a exposición Nado en Pedra no seu percorrido pola provincia" e engadiu que "a mostra puxo en valor ás canteiras e aos canteiros da provincia e á arte en pedra, que forma parte do que somos todas e todos nós".  Durante o acto, Carmela Silva deixou claro que "xuntas e xuntos, Concello e Deputación imos seguir facendo proxectos e, se os 4 anos pasados foron os de maior investimento en Cambados, nesta nova lexislatura aínda se van a levar a cabo máis proxectos e máis desenvolvemento para un dos concellos máis fermosos da provincia". Pola súa banda, a alcaldesa de Cambados agradeceu o apoio da institución provincial e adiantou que "a pedra é algo moi noso e por iso volveremos solicitar a nova exposición da Escola de Cantería que a Deputación pon a disposición dos concellos".

"Nado en Pedra" é unha exposición composta por 17 pezas de gran tamaño, elaboradas polo alumnado da Escola de Cantería, que teñen como temática central a figura humana. Esta mostra percorreu a provincia de Pontevedra co fin de reivindicar o oficio de canteira e canteiro e de poñer en valor os traballos realizados polo alumnado da Escola de Cantería. Así, a exposición estivo en algúns concellos da provincia, como Caldas de Reis, A Guarda, Pontevedra, O Rosal, Nigrán, Silleda e Cambados, ou tamén o concello de Santiago de Compostela na provincia da Coruña. Igualmente pasou por Vigo "Nado en pedra. Formas e figuras", unha iniciativa similar pero centrada non tanto en figuras humanas senón, como indica o seu nome, en formas e figuras humanas pero tamén de obxectos, cousas ou animais.