Noticias

Carmela Silva pon o acento na defensa da poesía e da visibilización das mulleres creadoras na presentación do primeiro libro do festival PoemaRia

A presidenta da Deputación puxo en valor os obxectivos do festival: "Nun mundo de 140 caracteres, PoemaRia supón a posibilidade de reencontrarse co mellor do ser humano"


16 abril 2018
Presentación do primeiro libro do festival PoemaRia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á directora e ao director do festival PoemaRia, Patricia Sánchez e Keith Payne, presentou esta tarde, na sede da institución provincial en Vigo, o primeiro libro do festival PoemaRia, que recolle todos os poemas que formaron parte da primeira edición do encontro realizado na cidade no ano 2016.

Carmela Silva aproveitou a presentación da obra para enxalzar os obxectivos do festival PoemaRia, no que se visibiliza e recoñece o papel das mulleres creadoras de poesía, tantas veces silenciadas. "Unha sociedade que se preza ten que amar, defender e promover a cultura e particularmente a das mulleres, silenciadas durante tantos séculos, e obrigadas incluso a suplantar as súas firmas por nomes masculinos. Actualmente hai un número enorme de mulleres que escriben e que son recoñecidas no mundo da cultura, pero descoñecidas para unha grande maioría da cidadanía", destacou.

De feito, o festival naceu no ano 2016 da man de Keith Payne, gañador da bolsa irlandesa de poesía para os anos 2015 e 2016, e de Patricia Sánchez, doutora en Comunicación Europea, co obxectivo de dar a coñecer os poemas de artistas locais e internacionais en Vigo pero facendo fincapé nas voces femininas. Ata o momento, pasaron xa polo festival PoemaRia poetisas como Yolanda Castaño, María do Cebreiro, María Sánchez, Luz Pichel, Filipa Leal, Estíbaliz Espinosa, Carmen Camacho, Antía Otero, Ana Luísa Amaral ou María Reimóndez, entre outras grandes escritoras.

A presidenta provincial tamén puxo en valor o carácter internacional de PoemaRia que, na súa curta vida, concentrou xa a poetisas e poetas de Portugal, Irlanda, Reino Unido e Eslovenia, así como do Estado español, situando a Vigo "unha cidade que ama profundamente as artes, no mapa cultural de Europa, xunto a outras grandes cidades literarias como Dublín, Edimburgo, Barcelona, Reykjavik, Cracovia ou Praga". Ademais, Silva agradeceu á editorial Amargord e ao autor da portada da publicación, Fredy Fernández, a súa implicación nesta publicación que recolle os poemas tanto en galego como en castelán, para que poidan ser lidos en toda España e tamén en América Latina. Durante a presentación desta primeira publicación de PoemaRia, tamén se adiantou que está previsto que cada edición anual do festival conte cun libro escolma que recolla todos os poemas que participaron.

A presidenta provincial fixo fincapé na importancia da literatura nas nosas vidas. "Visibilizar a poesía fai mellores aos seres humanos. Que aquela primeira edición de PoemaRia se transformara nun libro é algo máxico porque hoxe convértese nalgo eterno que perdurará para sempre".