Noticias

Carmela Silva presenta o plan de acción para o viveiro de Lalín

Os principais obxectivos deste plan son a mellora da utilidade das instalacións e dos servizos prestados polo viveiro, incrementar o seu nivel de ocupación, convertelo nun referente e presentar un proxecto de uso sostible


02 outubro 2017
Lalín

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, presentou esta mañá o plan de acción que a institución provincial desenvolveu para impulsar o viveiro da vila. En liñas xerais, tal e como subliñou Silva, "este proxecto, no que levamos traballando desde maio, nace para potenciar o viveiro de Lalín e estender as nosas políticas de emprendemento e innovación tecnolóxica coa finalidade de apoiar ás pemes e aos sectores produtivos da comarca, principalmente ao primario, tan importante para O Deza e que está absolutamente abandonado pola administración autonómica e do estado".

O plan de acción para o viveiro de Lalín ten por obxectivos principais a mellora da utilidade das instalacións e dos servizos prestados, incrementar o seu nivel de ocupación, convertelo nun referente e presentar un proxecto de uso sostible a longo prazo para as súas instalacións. Para acadalos, tal e como asegurou a presidenta da Deputación de Pontevedra, establécense tres liñas de acción centradas no emprego, na propia promoción do viveiro e nun novo modelo de Smart Peme para a comarca.

En canto ao emprego, Carmela Silva fixo mención aos proxectos que se van a desenvolver na comarca para "impulsar a creación de emprego e o desenvolvemento económico". Máis polo miúdo, a presidenta provincial destacou o plan de emprego xuvenil, con accións formativas deseñadas e adaptadas ás necesidades das mozas e dos mozos de entre 18 e 30 anos no marco do Plan Nacional de Garantía Xuvenil. Segundo afondou Silva, "esta formación axudará aos mozos e mozas a mellorar a súa empregabilidade e a acceder ao mercado laboral a través de formación e asesoramento gratuíto ligado ao emprendemento".

Outra das accións vencelladas ao emprego que a Deputación de Pontevedra porá en marcha no viveiro de Lalín será o programa "Depo Emprende", aprobado pola Fundación Incyde e cofinanciado co Fondo Social Europeo. Ao respecto, a presidenta provincial detallou que se impartirán 140 horas de formación en emprendemento co obxectivo de acadar de maneira efectiva que as mozas e os mozos beneficiarios se incorporen ao mercado laboral.

Amais, tamén se vai impulsar o proxecto "Depo Integra Xoven" que consta con dous itinerarios formativos co obxectivo de facilitar a empregabilidade da mocidade. Máis polo miúdo, Carmela Silva detallou que un deles, con 270 horas, centrarase nas actividades auxiliares de comercio e o outro, con 590 horas, nas actividades de venda. Tamén informou Silva que estas formacións, baseadas en certificados de profesionalidade, se completarán con cursos de inglés, informática, inserción laboral, igualdade e ofrecerán ao alumnado a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais.

En canto ás actividades propias centradas no viveiro, a presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que se vai impulsar unha campaña de promoción, a través dos medios de comunicación, co obxectivo do fomentar o viveiro e captar novas persoas emprendedoras. Ademais, tamén se vai optimizar a estrutura de xestión do propio espazo a través dun ou dunha xerente, "unha persoa que –tal e como destacou Silva– lle dea un enfoque máis sectorial ao viveiro, centralizando nel todo o que ten que ver coa promoción do sector agrogandeiro así como impulsando a colaboración cos diferentes axentes clave da comarca do Deza".

Outra das accións a acometer no viveiro é a mellora dos medios técnicos, a través dun proxecto de optimización no acceso aos medios de impresión e dixitalización así como un sistema de telefonía personalizado.

Pola súa banda, tal e como subliñou Carmela Silva, tamén se pretende "fomentar a aplicación das NTIC para facer que o sector agrogandeiro, o turístico, o da construción e o conxunto das grandes áreas económicas de Lalín, teñan instrumentos para ser máis competitivos a través dun novo modelo de Smar Peme en colaboración con todos os axentes clave da comarca do Deza e Tabeirós-Terra de Montes". Ao respecto, a presidenta provincial destacou que o vindeiro ano "imos dedicarlle 1.250.000 euros ao proxecto Smart Peme e Lalín vai ser un lugar clave, un dos centros máis potentes de Smart Peme, que vai dar servizo a máis do 61 % das empresas agrogandeiras da provincia".

Máis polo miúdo, Carmela Silva manifestou que, a través de Smart Peme, "imos converter a Lalín nun referente, nun centro de modernidade e vangarda no uso das TIC no sector agrogandeiro". Así, a presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que "a través do asesoramento e da formación que se imparta a través do Smart Peme, estou segura que converteremos a agricultura e gandería nun sector máis competitivo, con maior capacidade de venta, de obtención de beneficios que permitirán, á súa vez, unha maior creación de emprego".

Carmela Silva adiantou que o plan se vai poñer en marcha de forma inmediata, "a partir de xaneiro de 2018, unha vez que aprobemos o orzamento" e manifestou o seu compromiso coas cooperativas agrogandeiras, ás que a institución provincial destinou 200.000 euros este ano. Ao tempo, a presidenta provincial instou á Xunta de Galicia e ao seu presidente a que "poña en marcha todas as medidas de apoio ao sector agrogandeiro que prometeu cando se presentou como candidato á Xunta e que aínda estamos esperando na provincia de Pontevedra".

Pola súa banda, o alcalde de Lalín manifestou a súa satisfacción pola rapidez e boa vontade da institución provincial, "que leva traballando desde o mes de maio para poñer en marcha medidas para potenciar o viveiro, o que manifesta o interese da Deputación polas veciñas e veciños de Lalín", e aproveitou para poñer de manifesto que "aínda estamos á espera doutras administracións, como a Xunta de Galicia, que non está a atender cuestións que afectan á saúde das veciñas e veciños de Lalín".


Novas relacionadas

Viveiros de empresas

15 setembro 2017, lalín, smartpeme, empresas, viveiro, deputación de pontevedra