Noticias

Carmela Silva presenta o programa da xornada inaugural da Escola provincial pública de Igualdade María Vinyals

Esta iniciativa manifesta o firme compromiso e posta en marcha de políticas públicas do novo goberno provincial en materia de igualdade efectiva de oportunidades entre mulleres e homes


27 xuñ 2016
Programa da xornada inaugural da Escola de Igualdade
Programa da xornada inaugural da Escola de Igualdade

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada de mulleres de diferentes colectivos sociais da provincia de Pontevedra, presentou esta mañá a xornada que terá lugar o vindeiro mércores, 29 de xuño, e servirá para inaugurar a Escola Provincial Pública de Igualdade María Vinyals.

Carmela Silva subliñou que "fronte á desigualdade existente aínda na actualidade entre mulleres e homes, que cobran entre o 15 e o 25% menos que os homes desenvolvendo as mesmas actividades, que reciben pensións ata un 38% inferiores ás dos homes,  que sofren por milleiros a violencia machista ata o punto de que este ano 21 mulleres foron asasinadas en mans das súas parellas ou ex parellas, nós estamos comprometidas coa igualdade". Neste contexto, a Presidenta da Deputación recordou que coa chegada do novo goberno á institución provincial púxose en marcha, por vez primeira, un servizo propio en materia de igualdade, cun orzamento de 800.000 €, que xa está a traballar de xeito transversal, na propia Deputación de Pontevedra, pero tamén cos concellos da provincia, e a través da cal se impulsou a creación da Escola Provincial Pública de Igualdade María Vinyals, a primeira da provincia de Pontevedra.

Esta Escola, segundo asegurou Carmela Silva, "responde ó firme compromiso do novo goberno de impulsar a igualdade efectiva de oportunidades entre mulleres e homes, neste caso a través da formación" e engadiu que "queremos dotar á cidadanía dos coñecementos necesarios en materia de igualdade, desde unha perspectiva transversal, que permita a súa integración no coñecemento profesional e enriquecemento persoal".

A Presidenta da Deputación de Pontevedra recordou que a Escola recibe o nome de María Vinyals (Marquesa de Ayerbe, "Marquesa Roja"), nada no Castelo en 1875, por ser unha grande feminista, intelectual, artista e escritora que destacou polo seu activismo en pro da igualdade dos dereitos das mulleres, dando conferencias por Galicia. Tamén Silva destacou que María Vinyals foi unha das poucas mulleres que publicou un libro sobre a historia do Castelo e lembrou que da súa outra novela, "Rebelión", non queda rastro.

A Escola Provincial Pública de Igualdade María Vinyals, cuxa imaxe foi deseñada pola reputada artista feminista comprometida coa igualdade Bárbara Allende Gil de Biedma (máis coñecida como Ouka Leele), impulsará formación gratuíta e de calidade en materia de igualdade pero tamén pretende ser un punto de encontro e intercambio de saber para as e os profesionais que traballan na loita contra a violencia machista. Por tal motivo, a súa actuación vai dirixida ó persoal técnico da administración local, as e os profesionais que traballan na loita contra a violencia machista e as mulleres electas que desenvolven o seu labor na provincia de Pontevedra, aínda que se reserva un 20% das prazas a persoas desempregadas.

A xornada inaugural da Escola, que terá lugar o vindeiro mércores a partir das 9:30 da mañá, terá lugar na sede da mesma, no Castelo de Soutomaior, e está dirixida ó persoal técnico da administración local, as e os profesionais que traballan na loita contra a violencia machista e as mulleres electas da provincia. En concreto, o programa comeza ás 10:00 coa presentación institucional na que amais da Presidenta, Carmela Silva, estará presente a deputada de igualdade, Isaura Abelaira, e a presidenta do Diario de Pontevedra, e Blanca García Montenegro, "a única muller que dirixe un xornal en Galicia" –tal e como subliñou Silva-. A continuación, terá lugar a primeira das conferencias, moderada pola redactora xefa de Atlántico Diario Ana Fuentes, na que a historiadora da Universidade de Santiago, Silvia Cernadas, falará sobre a loita pola igualdade emprendida por María Vinyals hai 100 anos.

Ás 11:00 Rosa Cobo, profesora de socioloxía de xénero e directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña, falará sobre "Movemento feminista, políticas de igualdade e capitalismo global" (modera Marisa Ciordia, xornalista de Pontevedra Viva). Unha vez rematada, Amelia Valcárcel, filósofa feminista e membro do Consello de Estado, impartirá a conferencia "A democracia dos valores: a axenda da igualdade" (modera María Díaz, xornalista de Radio Vigo).

A xornada da mañá rematará coa conferencia de Maribel Cárdenas, técnica e asesora en políticas de igualdade da Deputación de Barcelona, sobre "Violencia de xénero: Novas realidades e vellos discursos" (modera Irene Bascoy, directora da sección Galicia do Faro de Vigo). 

Pola tarde, entre as 16 e as 19 terán lugar os tres obradoiros presentados por Susana Luaña, xornalista de La Voz de Galicia, que versarán sobre "En Rede: Respostas profesionais á violencia de xénero, a cargo de Maribel Cárdenas e destinado a profesionais que traballan na loita contra a violencia de xénero; "Rede de liderado de mulleres electas", impartido por Lourdes Muñoz, presidenta da Dones en Xarxa e fundadora de Iniciativa Barcelona Open Data, que estará destinado a mulleres electas; e "Perspectiva de xénero nas políticas locais", a cargo de Magdalena Castellanos, profesional experta na aplicación da igualdade de oportunidades a organizacións laborais e administracións públicas, que estará destinado a persoal técnico da administración local.

Sobre o funcionamento da Escola Provincial Pública de Igualdade María Vinyals, unha vez inaugurada, a Presidenta da Deputación, Carmela Silva, adiantou que xa se está pechando a organización dunha serie de seminarios que abordarán cuestións como o emprendemento feminino, o liderado feminino e a relación da muller co mar e co mundo rural.


Novas relacionadas

María Vinyals

04 decembro 2017, escola de igualdade maría vinyals, xornada, jornada, autoliderado, autoliderazgo