Noticias

Carmela Silva recibe a Rosalía de Castro na Deputación e enxalza o pensamento "sempre vixente desta galega universal"

A presidenta provincial transmítelle á escritora na súa visita ao Pazo provincial o actual papel das súas "herdeiras" para seguir reclamando a igualdade


24 febreiro 2020
Visita de Rosalía de Castro á Deputación

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada de Cultura, Victoria Alonso, recibiu hoxe no Pazo provincial a "visita" de Rosalía de Castro no día no que se conmemora o nacemento da escritora galega universal. Rosalía, encarnada por Tero Rodríguez, estivo acompañada por Modesto Brocos (interpretado por Lucho Penabade, quen, xunto coa actriz, forma Os Quinquilláns), un dos artistas galegos do século XIX "co que a historia ten unha débeda", como destacou Silva, e o autor do retrato que "permite que hoxe todas e todos teñamos unha figura de Rosalía". Tamén participou no acto o músico Pepiño Orjais, quen interpretou un tema dedicado á "nai Rosalía".

Carmela Silva destacou na recepción que "Rosalía era unha muller que amaba a súa terra e a xente da súa terra e que denunciaba as inxustizas que padecíamos como pobo, pero tamén tiña unha mirada optimista sobre Galicia". Recalcou o feito de que "o pensamento de Rosalía está sempre vixente" e citou como exemplo a súa crítica "á dureza das migracións" e o seu feminismo, que seguen a ser temas de actualidade. "Hoxe temos que loitar contra esa barbarie que pretende negar que o ser humano é, ante todo, ser humano; e que os valores da humanidade teñen que ser os que garantan que vivimos nunha sociedade avanzada", dixo a presidenta en referencia ás migracións para logo engadir: "E Rosalía foi unha feminista. Moitos dos seus escritos así o deixan ver con claridade". Para concluír, a presidenta remarcou que neste 24 de febreiro "celebramos o nacemento da muller que nos representa como pobo e que defendeu a nosa lingua, que temos que seguir reclamando como a que constrúe o pensamento auténtico do que nos sentimos tan orgullosas e orgullosos". "Coñezo poucos lugares no mundo onde unha muller sexa referente, e iso nos fai aínda máis auténticas", lembrou.

"Rosalía é nosa, pero é universal", manifestou a presidenta da Deputación, antes de darlle paso á escritora, quen se amosou "moi emocionada" por visitar unha institución como a provincial, onde "por primeira vez hai unha muller ao fronte" e onde "hai moitísimas mulleres con responsabilidades". No acto, tanto ela coma Modesto Brocos emprazaron a mudar o actual aspecto da sala de comisións, "chea de retratos de varóns, os presidentes" cun retrato de Carmela Silva feito "por algún pintor moderno". "Agora que temos unha presidenta propoño que esa imaxe tan viril se transforme e modernice", declarou Brocos. "Cando pintei a Rosalía sabía que estaba pintando a unha igual, e non cunha imaxe edulcorada", engadiu, pois o cadro afástase da imaxe dos retratos femininos da época.

Ademais, Rosalía sorprendeuse ao comprobar que aínda non existe a igualdade plena entre mulleres e homes no século XXI e repasou algunhas das críticas que tivo que aturar na súa época neste sentido, mesmo as que dicían que non era ela quen escribía, senón o seu marido. "Veño a transmitir a necesidade de seguir loitando e de non parar ata que se consiga esa igualdade", manifestou, ao que Carmela Silva engadiu que hoxe "hai moitas herdeiras" que seguen o seu camiño.

Trala súa recepción, Rosalía e Modesto visitaron algunhas dependencias do Pazo provincial e o Edificio Administrativo da Deputación e, posteriormente, saíron ás rúas de Pontevedra para conversar coa xente e compartir a súa poesía.

Fotos