Noticias

Carmela Silva recibe en Barro aos 20 proxectos empresariais que comezan a súa andaina no marco da cuarta edición do Coworking

"A nosa provincia está chea de persoas con talento, especialmente alégrame ver que haxa tantas mulleres liderando proxectos xa que ata fai pouco o emprendemento, a empresa e a economía escribíanse en masculino"


30 setembro 2019
Coworking

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu este luns ás 21 persoas encargadas dos 20 proxectos que participarán na cuarta edición do Coworking de Barro, un programa de emprendemento froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial, co financiamento do Fondo Social Europeo. En total, o orzamento para as catro edicións do programa de emprendemento ascendeu a 800.000 euros.

Ante as e os emprendedores, Silva mostrouse encantada porque "este sempre é un acto cheo de optimismo, con persoas ilusionadas perseguindo os seus soños". Tamén destacou que "neste coworking demostramos que a nosa provincia está chea de persoas con talento, especialmente alégrame ver que haxa tantas mulleres liderando proxectos porque ata fai pouco o emprendemento, a empresa e a economía escribíanse en masculino e temos que reivindicarnos". Ademais, tamén destacou que ao longo das catro edicións do coworking estase a converter nunha plataforma de lanzamento de proxectos que conseguen saír adiante.

Pola súa banda, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, tamén presente no acto, sinalou que "para o noso concello é un orgullo contar con este polígono e especialmente con este edificio, que alberga proxectos como este coworking, un espazo de formación que ten moito valor para a sociedade". Tamén apuntou que "as administracións temos que axudar a todas as persoas con talento que teñen ideas e ilusión por sacar adiante os seus proxectos".

Nesta edición participarán 20 proxectos, 12 deles liderados por mulleres, que foron elixidos entre as 29 propostas presentadas. Entre os proxectos hai algúns centrados en novas tecnoloxías, moda, cosmética, igualdade, construción, gastronomía, marketing ou comunicación. Ademais, tal e como destacou a presidenta da Deputación de Pontevedra, "a maioría destes proxectos teñen un enfoque sostible e de baixo impacto co medio ambiente, e como sabemos non hai economía de futuro, nin de presente, sen empresas comprometidas co medio ambiente".

A xornada de benvida pechouse cunha charla de Javier Varela, director de proxectos e consultor de marketing en Toctocmedia, profesor colaborador na área de marketing dixital no Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE) e docente homologado tamén na área de marketing da Escola de Organización Industrial (EOI). O experto enfocou a súa intervención cara o marketing sostible.

A través do Coworking de Barro a Deputación de Pontevedra pretende fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos de negocio que participen destes espazos de coworking identificando as propostas con máis potencial de crecemento buscando que os proxectos participantes poidan incorporarse en aceleradoras e cubrir así a seguinte fase no desenvolvemento das súas empresas.

Con este programa de emprendemento acompañarase ás persoas emprendedoras ao longo do proceso, desde o deseño do modelo de negocio ata a súa posta en marcha e optimización. Axudarase ás persoas emprendedoras a validar o modelo de negocio con metodoloxías áxiles, así como a desenvolver as habilidades necesarias para poñelo en marcha. Deste xeito, poranse en marcha, entre outras actividades, sesións de formación sobre Lean Start Up, crowfunding, estratexias de comunicación en redes sociais ou creatividade e innovación.

Ademais, as e os participantes no coworking terán acceso tamén de maneira gratuíta ao FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital) da Deputación de Pontevedra, situado no mesmo espazo do viveiro de Barro.

Esta nova edición do Coworking de Barro levarase a cabo ata decembro deste ano. E, ao igual que nas edicións anteriores, o programa rematará co "DemoDay", no que as e os participantes presentarán os seus proxectos.

Fotos