Noticias

Carmela Silva reclama na Escola de Cantería que só as persoas con capacitación profesional poidan rehabilitar patrimonio histórico

A presidenta da Deputación resaltou a "inxustiza que supón que a rehabilitación da pedra de lugares emblemáticos a poidan facer persoas sen capacitación nin formación"


13 decembro 2017
Escola de Cantería

A presidenta da Deputación de Carmela Silva asistiu esta mañá na Escola de Cantería á celebración da Festividade de Santa Lucía, patroa da escola, onde reclamou "unha lei que diga claramente que a rehabilitación do patrimonio histórico teña que facerse por persoas con formación, pois non estamos a facer ben as cousas se non é así".

Carmela Silva deixou claro que "é inxusto que xente altamente cualificada como estes canteiros e canteiras e estes mestres canteiros e mestras canteiras que traballan a pedra con mimo e coñecemento teñan que ser contratados a través de subcontratas, co único obxectivo de pagarlles menos do que merecen, e moitas veces eses traballos que deberían realizar verdadeiros e verdadeiras profesionais o fagan persoas que non teña a formación axeitada". Por estes motivos, a presidenta da institución provincial demandou "que haxa unha norma que conste na lei de patrimonio histórico que regule os traballos de rehabilitación da pedra", xa que "non pode ser que a rehabilitación da pedra de lugares emblemáticos como a Catedral de Santiago o fagan persoas que non teña acreditada a súa capacitación para facer ese traballo".

Ademais de reivindicar o propio traballo dos canteiros e canteiras e dos mestres e mestras canteiras, a presidenta tamén reclamou a oficialidade dos títulos ofertados pola Escola de Cantería porque "é fundamental porque se fose así habería máis oportunidades de emprego para traballar para as institucións públicas ou no sector privado". Ao fío desta reclamación, recordou que "no orzamento do 2018 vai unha partida para adaptar o edificio ás condicións que se exixen para que podamos tramitar o recoñecemento deste título que aínda non entendo como non o temos recoñecido, pois unha profesión como esta, tradicional, histórica, propia da nosa esencia como galegos debería estalo. Estou convencida de que isto non acontecería noutro sitios".

Na súa intervención, Carmela Silva falou da unión entre Galicia e a pedra xa que "somos unha terra de pedra e auga, aínda que por desgracia parece que a seca chegou para quedarse". Por iso recalcou que "é un enorme orgullo que exista unha escola como esta que manteña a tradición pola pedra, facendo esculturas marabillosas que embelecen os nosos pobos".

Durante o acto, no que fixéronse entrega dos diplomas e títulos ao alumnado que rematou os estudos de Cantería e Mestre de Cantería e dos premios de modelaxe, Silva fixo un recoñecemento ao traballo de todo o profesorado da Escola de Cantería, pois "traballan con amor pola profesión". O acto rematou coa presidenta da Deputación manifestando a súa satisfacción por "unha escola que só dá alegrías" e manifestou o orgullo que sinte ao saber que "temos traballando exalumnos e exalumnas na Sagrada Familia de Barcelona, na Catedral de Santiago de Compostela, no Big Ben de Londres, na Catedral de Westminster, no Palacio de Westminster, na Igrexa de St. Jude de Londres, no Capitolio de Washington, en Suíza, Braga, e Alemaña".