Noticias

Carmela Silva reivindica en Cambados a clave da educación na loita pola igualdade no preludio da impactante acción de Elisa Miravalles en Violencia zero

A presidenta provincial destacou que "a educación é o único instrumento que nos vai permitir poñer en marcha un proxecto de sociedade onde a ninguén se lle impida avanzar"


12 marzo 2018
MAVZ Cambados

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada pola alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, e pola deputada provincial, Digna Rivas, asistiu este luns no Salón Peña de Cambados á novena intervención artística do programa "Mulleres en acción. Violencia zero", unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

No preludio da actuación da artista Elisa Miravalles, a presidenta Carmela Silva, lanzou unha mensaxe ao alumnado do Colexio Salesianos resaltando que "a educación é o único instrumento que nos vai permitir poñer en marcha un proxecto de sociedade onde a ninguén se lle vai impedir avanzar e así crear unha sociedade na que todas e todos sexamos iguais, en definitiva, unha sociedade mellor". Silva tamén recolleu datos que falan por si mesmos da lacra das violencias machistas e contou que "no ano 2016 houbo máis de 5.800 denuncias sobre malos tratos e en 2017 máis de 6.400, incrementou nun 13,3 %". Así, sinalou que "cada ano aumentan as mulleres que dan o paso de denunciar pero desgraciadamente  tamén medran os asasinatos. No 2017 houbo 55 asasinatos machistas, máis que no 2016, e isto é algo que non podemos consentir".

Pola súa banda, Fátima Abal, alcaldesa de Cambados, agradeceu á Deputación "a creación deste programa e o traballo que fai o Goberno de Carmela Silva a favor da igualdade, as mulleres somos máis da metade da poboación e temos que ocupar o espazo que lle corresponde".

A protagonista da acción foi Elisa Miravalles, que actuou en Cambados coa súa performance Extrema presenza. A artista deu protagonismo a ducias de coliflores coas que interactuou e coas que representou unha silueta e escribiu a verba "amor". A acción, que non deixou indiferente ao alumnado que asistiu ao acto, representaba segundo a propia artista "a fortaleza das mulleres en contraposición da idea de muller débil que aparece continuamente nos medios".

"Mulleres en acción. Violencia zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente terá lugar este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).

Fotos


Outras novas

VI gala deporte feminino

21 xuño 2018, igualdade, deporte, concello de pontevedra, concello de vigo, antonio lópez, carmen barro, durán maquinaria, maría pérez araújo, mecalia atlético guardés, melania rodríguez, mudega, noelia pérez, susana rodríguez gacio, vi gala deporte femenino, marta bobo
Catoira Mulleres en acción.Violencia Zero

21 xuño 2018, catoira, digna rivas, contra a violencia machista, mulleres en acción. violencia zero