Noticias

Carmela Silva reivindica na inauguración do campo da Bouza: "As mellores instalacións para que a nosa mocidade faga deporte en boas condicións"

A presidenta destacou que "este campo de fútbol, xunto con moitos outros da cidade, son posibles grazas ao financiamento da Deputación de Pontevedra e do Concello de Vigo"


14 agosto 2019
A Bouza

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto co deputado provincial, Santos Héctor, a concelleira Patricia Rodríguez e o concelleiro Javier Pardo, inaugurou esta mañá a remodelación e mellora do campo de fútbol da Bouza, en Coia, no concello de Vigo, un dos once campos municipais que están a ser renovados no marco do convenio Deputación-Concello para a mellora de instalacións deportivas e que supuxo un investimento de preto de 300.000 euros.

Na súa intervención a presidenta provincial reivindicou que "todas as rapazas e rapaces son o futuro e merecen poder facer deporte nas mellores condicións". Silva tamén salientou que "é unha obriga das administracións públicas facilitar que haxa boas dotacións deportivas" e destacou que "este campo de fútbol, xunto con moitos outros de Vigo, son posibles grazas ao financiamento da Deputación de Pontevedra e do Concello". Durante o acto, no que Carmela Silva estivo acompañada das persoas responsables do Club de Fútbol do Cristo da Vitoria e do Club Deportivo Coia, lembrou que o campo de fútbol da Bouza é a sede destes dous equipos. "Coia é un lugar excepcional no que hai moitísima poboación, moitas nenas e nenos que xogan ao fútbol e que o teñen que facer nas mellores condicións, e por isto hoxe celebramos que este campo conta con herba sintética de última xeración e coa iluminación e a mellora que lle corresponde". Por último, a presidenta provincial quixo agradecer e felicitar os presidentes dos clubs, o corpo técnico e tamén "as familias que se preocupan de que as nenas e os nenos fagan deporte, porque as prácticas deportivas fan que se constrúa unha mellor sociedade".

Máis polo miúdo, as actuacións no campo da Bouza contemplaron a renovación da superficie deportiva coa instalación dun céspede artificial de última xeración sobre o pavimento existente de aglomerado asfáltico, nunha superficie de máis de 7.000 metros cadrados. Así mesmo, as obras tamén incluíron a renovación das instalacións de iluminación co fin de reducir a demanda de enerxía eléctrica, os custos enerxéticos e os impactos ambientais.