Noticias

Carmela Silva reivindica o apoio á cultura, ao talento e ao cinema na presentación do inicio da rodaxe da película María Solinha en Redondela

"Desde a Deputación queremos que a nosa provincia se converta nun estudio de cine, porque iso nos sitúa en Galicia, en España, en Europa e no mundo"


13 agosto 2019
na presentación do inicio da rodaxe da película

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do inicio da rodaxe da nova película de Ignacio Vilar, María Solinha, que se gravará integramente na provincia e que conta cun reparto cen por cento galego. No acto, que tivo lugar na lonxa de Cesantes (Redondela), a presidenta estivo acompañada da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, do director do filme, Ignacio Vilar, das actrices protagonistas, Grial Montes e Laura Míguez, do responsable de Agadic, Jacobo Sutil, e doutras persoas que participan no proxecto. Na súa intervención Silva fixo fincapé en que "un país non ten futuro se non ten cultura, se non ten cinema, se non apoia a creatividade e o talento" e engadiu que "desde a Deputación de Pontevedra queremos que a nosa provincia, as nosas rías, se convertan nun estudio de cine, porque iso nos sitúa en Galicia, en España, en Europa e no mundo".

"Hoxe estamos aquí para falar de creatividade, de talento galego, talento do sur de Galicia", comezou a presidenta. Neste eido, Silva continuou explicando que as dúas actrices protagonistas estudaron no Centro de Artes Escénicas de Vigo, e destacou "o importante que é ter formación para que o teatro, o cinema, o audiovisual teñan a forza que están a ter en Galicia e aquí, na provincia de Pontevedra". En relación coa película, a presidenta provincial amosou a súa felicidade por que "falemos das nosas mulleres, de mulleres galegas que falan da nosa historia, de todas nós e, neste sentido, María Solinha é unha desas tantas mulleres que foi perseguida, violentada e, finalmente, asasinada". "A través da historia as mulleres tiveron que enfrontarse sempre a discriminacións e persecucións por querer ser independentes, por ter riqueza que o patriarcado non asumía que estivese nas mans femininas", recordou Carmela Silva.

Para rematar, a presidenta da Deputación puxo en valor que esta película "se vai desenvolver na provincia, nos concellos de Cangas, Redondela e Vigo, nesta marabillosa ría" e destacou que "sen cultura non hai sociedade avanzada, así que todas e todos xuntos xa podemos dicir que, antes de empezar a gravarse, María Solinha xa é un éxito que encherá a provincia de alegría e felicidade". A Deputación de Pontevedra colabora no financiamento da produción desta película co obxectivo de apoiar o cinema en lingua galega, de visibilizar as mulleres da provincia e de dar a coñecer os territorios da provincia e atraer visitantes, incrementando así o turismo.

María Solinha é un filme do director ourensán Ignacio Vilar que reconstrúe a historia de María, unha viúva rica acusada de bruxería e posteriormente queimada pola Inquisición no ano 1621. Entre o seu elenco, cen por cento galego, destacan referentes do cine galego coma Santi Prego, Antonio Durán "Morris" ou Mabel Rivera, entre outros. A rodaxe da película, que terá lugar nos concellos de Cangas, Redondela e Vigo, iníciase este luns 19 de agosto e está previsto que se estenda ata o 20 de setembro.