Noticias

Carmela Silva reivindica o papel da muller no sector do mar na inauguración da exposición "Sustentabilidade en feminino"

A presidenta da Deputación participou na IV Xornada sobre o Bo Uso e Mal Uso do Mar. "Non se entende a economía do mar sen a participación das mulleres e, sen embargo, sempre estivemos invisibilizadas"


30 novembro 2017
Sustentabilidade en Feminino

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, do vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Juan Manuel Corbacho Valencia, e da profesora da Universidade de Vigo e directora do proxecto, María Álvarez Lires, inaugurou esta mañá a exposición "Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar", que serviu para abrir a IV Xornada sobre o Bo Uso e Mal Uso do Mar.

Antes de percorrer a mostra, que permanecerá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte ata o 15 de decembro, Carmela Silva subliñou a importancia desta exposición, que "pon en valor o traballo que ao longo dos séculos as mulleres temos aportado ao mar" e agradeceulle a Mari Lires o seu traballo a prol da igualdade.

Esta mostra está composta por vídeos, fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando, de científicas coma a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía Aida Fernández, imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar nas aulas o invisibilizado saber das mulleres do mar e a promover a igualdade e a acción positiva entre as futuras profesoras e profesores.

En canto ao papel da muller no mar, Carmela Silva engadiu que "a aportación das mulleres á economía sempre foi invisibilizada, e no mundo do mar é clarísimo que é así, pois non se entende a economía do mar sen a participación das mulleres conserveiras, redeiras, mariscadoras, investigadoras e, en definitiva, todas aquelas mulleres que traballaron no mar. Ademais, as mulleres do mar non só foron claves na economía senón que tamén estiveron sempre comprometidas coa sustentabilidade."

Para pechar o acto a presidenta da Deputación de Pontevedra reflexionou sobre a invisibilización da muller, explicando que "sabemos do papel da muller no mar pero non coñecemos quen son, porque non están nos libros, non están nos periódicos, non están nas televisións, non están nas radios, en definitiva, non están na mentalidade colectiva."

Tras o seu paso polo Campus de Pontevedra, a exposición visitará o Campus de Ourense, o Campus de Vigo, o Museo Massó e tamén estará aberta a empresas, fundacións, asociacións e concellos que así o soliciten á Deputación de Pontevedra. En relación a isto Carmela Silva afirmou que "temos que levar esta exposición por toda a nosa provincia, porque Pontevedra é mar e é importante visibilizar entre toda a poboación da nosa provincia o traballo da muller no mar."

Fotos