Noticias

Carmela Silva revalida o compromiso da Deputación para liderar a transformación dixital do turismo na provincia na inauguración da xornada TurisTIC

"Dedicar recursos á tecnoloxía e á innovación non é un gasto, é un investimento fundamental para que o turismo siga crecendo desde a excelencia e a innovación"


24 outubro 2018
I Xornada TurisTIC

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, da man da xornalista Yolanda Vázquez, inauguraron esta mañá no castelo de Soutomaior a primeira xornada TurisTIC "Impacto das novas tecnoloxías no sector turístico" ante un auditorio ateigado de público, con máis dun centenar de persoas rexistradas de empresas turísticas da provincia e a presenza d@s principais expert@s nas TIC do Estado.

"Estamos no século XXI, o século da innovación, das tecnoloxías, da colaboración, nun momento no que a incorporación das TIC é fundamental para a xestión da actividade económica en todos os eidos pero, particularmente, no turismo", destacou Silva. Neste contexto, a presidenta da Deputación recordou a importancia do sector turístico da provincia para a economía, con máis de 10.000 empresas dedicadas a esta actividade, e enxalzou o compromiso da Deputación "para liderar a transformación dixital do sector, a través de iniciativas como esta que nos vai permitir aprender xuntas e xuntos sobre instrumentos, proxectos e iniciativas para converter ás Rías Baixas nun destino intelixente".

Para Carmela Silva é fundamental impulsar actuacións que faciliten que o sector turístico da provincia poida ter ferramentas para ser unha referencia, "porque destinar recursos á tecnoloxía e á innovación non é un gasto, é un investimento fundamental para que o turismo siga crecendo desde a excelencia e a innovación". Neste contexto, a presidenta provincial falou de exemplos concretos da incidencia da modernización no turismo como é o caso da musealización do castelo de Soutomaior "que coa aposta que fixemos pola tecnoloxía multiplicou ata por dez o número de persoas que o visitan".

A presidenta provincial amosou tamén o seu "optimismo para construír conxuntamente un novo modelo para a provincia de Pontevedra, que incorpore as tecnoloxías de forma inmediata". Así, Silva agradeceu a implicación do público na xornada: "todas e todos vós sodes as persoas axentes que ides permitir a transformación dixital e aquí vexo moita interese, vexo que estades ocupadas e ocupados e preocupadas e preocupados por mellorar a xestión turística da provincia de Pontevedra".

Pola súa banda o presidente do Cluster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, puxo en valor ao sector TIC destacando que "hai moito talento aquí, en Galicia, e empresas con capacitación que están a axudar no proceso de transformación dixital en todos os sectores económicos". Neste eido, Rodríguez animou a investir en TIC e concretamente no comercio electrónico a través do móbil xa que "se non estás no teléfono dos teus clientes de maneira relevante estas fóra do 60 % do comercio electrónico que se fai hoxe en día". Máis polo miúdo, o presidente do Cluster TIC de Galicia reivindicou a necesidade de impulsar proxectos colaborativos "xa que para as pemes a incorporación de tecnoloxías e innovacións supón un grande investimento e a mellor forma de facelo é agrupándose para liderar proxectos relevantes".

Ao longo da xornada TurisTIC daranse cita as personalidades máis relevantes no eido da aplicación das TIC no turismo. Deste xeito están en Soutomaior impartindo conferencias persoas como Raúl Jiménez, fundador e CEO de Minube; Meritxell Marcos, directora de Paradores de Pontevedra e Cambados; Víctor Longo, CEO de Partee; Chiú Longuina, CEO de Pumpún Dixital; Xoel Vázquez, CEO de Xoia Software; Susana Pérez, presidenta de Empresarias de Galicia; Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia; Mar Rodríguez, CEO de Teetravel, Cristina Collazo, CEO de Volta Montana; Alberto Ribas, blogger de Alvientooo; Leticia Pérez, de GaliciaTB; Alberto Traversa, coeditor de La Alacena Roja; Carmen Delia Díaz, CEO de Escapalandia.com; e Carlos Romero, director de I+D+i de Segittur.

Ademais, no marco da xornada, a partir das 17 h, a presidenta Carmela Silva, xunto aos deputados Javier Dios e Santos Héctor, fará entrega dos primeiros premios ao Talento Turístico da provincia de Pontevedra que contan con cinco modalidades: Talento Turístico Sustentable, Talento Turístico Innovador, Talento Turístico Gastronómico, Talento Turístico Experiencial e Talento Turístico TIC.

Galería de fotos

Fotos