Noticias

Carmela Silva salienta en Forcarei "investimentos que garanten servizos e dereitos como aposta clara para fixar poboación no rural da provincia"

A presidenta da Deputación visitou xunto a alcaldesa, Verónica Pichel, o novo ximnasio "á altura dos mellores da provincia", e confirmou actuacións inmediatas en equipamentos deportivos e infraestruturas


28 xullo 2020
Visita a Forcarei

"Se queremos que os concellos do rural da provincia non perdan poboación e que a xente quede no territorio, as administracións temos que comprometernos con dotar á veciñanza de equipamentos e servizos aos que teñen dereito. Vivan onde vivan e goberne quen goberne". Deste xeito, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, puxo hoxe en valor en Forcarei as actuacións que a institución provincial está a levar a cabo en colaboración co Concello tras supervisar as instalacións creadas e outras que se van desenvolver, xunto ao deputado de cooperación, Santos Héctor, a alcaldesa, Verónica Pichel, e a integrantes do seu goberno.

O novo e potentísimo ximnasio financiado co Plan de Reequilibrio da Deputación, e o pavillón de deportes e o campo de fútbol das Maletas, que serán mellorados coas achegas do Plan Concellos 2020, foron algúns dos equipamentos que visitou Carmela Silva, que destacou "a importantísima zona deportiva e de servizos coa que contará Forcarei en moi breve prazo". A presidenta resaltou a rehabilitación levada a cabo no antigo albergue da zona escolar para dotar dun novo ximnasio ao municipio, accesible e con todos os servizos, na que a Deputación investiu 400.000 euros e que o converteu "nun dos mellores de Pontevedra, cunhas vistas ademais de auténtico luxo". Así mesmo, a presidenta coñeceu os detalles da actuación que se acometerá no pavillón municipal e que será financiada co Plan Concellos 2020, ao igual que a primeira fase do campo de fútbol das Maletas que por fin contará con herba sintética de última xeración para o que a institución provincial achega outros 265.000 euros. "Por tanto, Forcarei vai ter os mesmos dereitos que outros moitos concellos con equipamentos de calidade", destacou Carmela Silva.

A presidenta provincial sinalou que "agora mesmo o concello de Forcarei ten un proxecto integral e cunha visión clara do que quere que sexa esta vila, cunha aposta por dotacións e servizos que permitan garantir os dereitos da veciñanza e evitar a perda de poboación". Carmela Silva si lamentou que este apoio ao medio rural non se veña referendado pola Administración autonómica "que non ten a mesma mirada de investimento no territorio". Neste senso, reclamou ao presidente da Xunta a mellora da PO-534 "que está en moi mal mantemento e sen rozar. A Administración autonómica debe ter as súas vías en boas condicións, porque iso é a imaxe dun país e ademais dificulta á xente ter unha mobilidade segura", manifestou. A presidenta puxo en contraposición o investimento dun millón de euros nos últimos anos nas vías provinciais de Forcarei que realizou a Deputación, "están niqueladas, rozadas, pintadas e en moi boas condicións; nunca se investira tanto e nunca estiveran en tan boas condicións".

Doutra banda, Carmela Silva destacou o compromiso coa igualdade e os dereitos das mulleres do goberno que dirixe Verónica Pichel e lembrou neste eido que o pavillón contará "cun potente mural que falará de igualdade". "En Forcarei é obrigado –apuntou– porque o gran Chano Piñeiro era de aquí e nos seus filmes sempre puxo en valor ás mulleres. Por tanto, Forcarei ten que poñer en valor a esas mulleres rexias e potentes que temos na zona, como as protagonistas de Mamá Asunción e Sempre Xonxa, que xa pertencen e son de todos os galegos e galegas. Porque as mulleres no rural son o futuro. Non haberá futuro rural se as mulleres non se comprometen a quedarse e construír vida". Carmela Silva rematou garantindo que a Deputación cumprirá neste mandato todos os seus compromisos con Forcarei. "Contades coa Deputación para todo o que precisedes, porque cambiar Forcarei é tamén cambiar a provincia de Pontevedra. Cando remate este mandato poderemos dicir que cumprimos con todo o que nos comprometemos. Iso o que fan as boas políticas e as boas prácticas políticas".

Pola súa banda, a alcaldesa Verónica Pichel destacou o "o gran apoio" que a Deputación está a prestar a Forcarei, con investimentos que o ano pasado superaron aos da Xunta. Resaltou de xeito especial a mellora do campo de fútbol "porque ten cen nenos e nenas adestrando e xogando cada semana e, por tanto, mellorar a vida de toda a mocidade do concello e doutros concellos limítrofes é un gran orgullo". Engadiu ademais que as vindeiras fases do proxecto do campo están garantidas co futuro investimento da institución provincial, "mentres que da Xunta estamos esperando a súa resposta". "A Deputación –destacou Pichel– está co medio rural e fainos moitísima falta, porque temos un grande declive demográfico e o que necesitamos son servizos e equipamentos".

Fotos