Noticias

Carmela Silva salienta o labor que presta o CAAN, que este ano leva recollidos 994 cans na provincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra visitou as instalacións da Armenteira, que acollen nestes momentos a 450 cans e son obxecto de diversas obras de mellora que permitirán "prestar aínda un mellor servizo"


22 outubro 2019
Carmela Silva CAAN

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, salientou o labor que presta o Centro de Acollida e Adopción de Animais (CAAN) que a institución provincial xestiona na Armenteira (Meis) durante a súa visita ás instalacións, que acollen nestes momentos preto de 450 cans e están sendo obxecto de mellora "para prestar aínda un mellor servizo" aos 48 concellos da provincia que están adheridos. Silva, que estivo acompañada do deputado provincial Manuel González, destacou que estes traballos permitirán "que o labor que se realiza no CAAN sexa aínda máis efectiva e eficaz e poida desenvolverse en condicións óptimas", ademais de mellorar aínda máis as condicións dos animais que se atopan no centro.

Estes traballos, que teñen por obxecto a adecuación do CAAN á Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia, inclúen, como destacou a presidenta, "a creación dunha nova zona de maternidade, outra de esparexemento, a remodelación da zona de corentena, que suporá a eliminación das gaiolas de corentena de forma definitiva, a reforma da zona hospitalización e a mellora do espazo de clínica". De xeito especial, Silva salientou que na futura zona de esparexemento "os animais van estar en liberdade e en aínda mellores condicións das que xa se lles trata".

Carmela Silva lembrou que o CAAN funciona os 365 días do ano e as 24 horas do día e felicitou ao equipo que traballa nas instalacións polo seu compromiso no coidado dos cans. Aínda que destacou que este ano os rexistros do centro amosan unha tendencia de mellora na situación do abandono animal na provincia, a presidenta volveu animar á veciñanza da provincia a adoptar e a respectar e coidar debidamente aos cans. "Unha sociedade avanzada non se pode chamar así se maltrata ou abandona aos animais. Parece mentira que en pleno século XXI cando presumimos de estar tan avanzados nun mundo de cambio e prodixiosa innovación sigamos tendo algunhas persoas actitudes tan deleznables que temos que perseguir", indicou. Silva engadiu que o obxectivo é "o abandono cero" e avogou pola educación para conseguir eliminar abandonos e condutas como as que levaron ao CAAN a "Rulo", un dos dous cans mestizos que hoxe mesmo ingresou no centro para ser recuperado tras ser incautados aos seu dono pola Policía por maltrato, no concello de Redondela.

Ademais de ver os coidados que se lle están prestando a "Rulo", a presidenta tamén poido comprobar a recuperación de "Ánxela" e "Mara", as dúas cadeliñas que foron arroxadas a un colector de lixo en Cuntis con apenas dous días de vida e que, grazas a outra cadela de acollida, "Rula", que as aleitou no CAAN, están saíndo adiante. "Evolucionan moi favorablemente e seguro que se as levarán moi pronto –salientou a presidenta–, terán unha familia e estarán nas mellores condicións. Creo que temos que facer unha homenaxe a "Rula", que foi a que as alimentou e nos deu unha verdadeira lección de vida. É un exemplo a poñer para que as veciñas e veciños de Pontevedra tomemos conciencia de canto nos aportan os animais. Grazas a ela, hoxe podemos ter a estas cadeliñas que tiñan mal augurio nestas condicións tan boas". Silva tamén acariciou a "Bertín", un can mestizo das Neves que leva no centro de Meis desde case a súa apertura, en abril do 2013.

O pasado 2018, segundo explicou Carmela Silva, o CAAN recolleu un total de 1.788 animais. Deles, 374 cans foron devoltos aos seus propietarios antes de ser trasladados ao centro e 372 foron recollidos xa no CAAN polos seus donos. As cifras están mellorando neste 2019 porque se levan recollidos menos animais, un total de 994, dos que 263 foron devoltos antes de levalos ao CAAN, e 229 foron recollidos alí polos seus e as súas propietarias. "O dato positivo deste ano é que hai unha tendencia á baixa no que se refire ao número de recollidas, 994, cunha media de 1o6,8 por mes, mentres que no 2018 houbo un total de 1.788, cunha media mensual de 149. En todo caso, hai que chegar a final de ano para facer unha comparativa equilibrada, pero si que se ve que hai esa tendencia á baixa". Tamén descendeu a porcentaxe de abandono en función da poboación, que neste 2019 sitúase nun 0,33 %, cando o ano pasado era de 0,49 %, "o que significa que descendeu un 0,16 %"

Outro dato a destacar está no número de adopcións, "que van a moi bo ritmo". Se o pasado ano 2018 houbo 360, no que vai de ano 2019 xa van 353. "Polo tanto todo indica que este ano imos superar o número de adopcións con respecto ao do 2018", sinalou.

Ata o 10 de outubro deste ano tramitáronse 232 expedientes de localización de persoas propietarias, das que 17 remataron en denuncia por abandono ou maltrato, mentres que o pasado ano houbo en total 138 expedientes e 27 denuncias.

Por outra banda, Silva salientou tamén que dos cans recollidos o pasado 2018, un 9,49 % tiñan microchip, fronte ao 7,4 % do 2017 e o 6 % do 2016. "Hai unha tendencia discreta –sinalou Silva–, ten que aumentar moito máis, pero positiva, e facemos un chamamento ás e aos propietarios para que lles poñan chip porque este é un requisito obrigatorio por lei".

Ademais, un 7,7 % dos animais recollidos presentaban lesións ou enfermidades graves no momento da súa entrada, derivadas de actuacións neglixentes, maltrato ou accidentes de tráfico, que foron tratadas no CAAN.

Respecto ás razas, explicou que non existe ningunha especialmente numerosa nos cans recollidos e o número de raza potencialmente perigosa é baixo (actualmente son sete), a maioría con propietaria/o. Así mesmo, as razas identificadas como de caza son frecuentes, aínda que tamén representan o maior número de cans adoptados.

Campaña

Por último, Silva referiuse á vindeira campaña de sensibilización que a Deputación porá en marcha contra o abandono e para fomentar as adopcións en datas próximas ao Nadal. "No Nadal seguramente desenvolvemos unha sensibilidade maior, as nenas e os nenos nos piden na casa un animal de compañía e o que se fai e compralos –explicou–. Sen embargo, deberiamos adoptar. É unha actitude moito máis social e acorde co benestar animal. E ademais, moitas veces xerando esas compras compulsivas ligadas a esas datas logo se producen abandonos,. Porque levar a un animal para casa ten que ser algo consciente, cun gran convencemento de que queremos compartir a vida neste caso cun can". A campaña fará fincapé na importancia da adopción fronte á compra e, por outro, na importancia de "esterilizar para evitar a cría irresponsable de animais, que moitas veces acaban abandonados, como pasou a estas cadeliñas que tivo que aleitar "Rula"".

Pola súa banda, o veterinario José Luis Pedreira indicou que no caso das adopcións, que son gratuítas, o persoal do CAAN sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can "que poida adaptarse mellor ás súas necesidades" e que, tras a firma do contrato, os animais saen do centro vacinados, desparasitados e esterilizados.