Noticias

Carmela Silva sitúa a provincia de Pontevedra como o "puntal turístico de Galicia" tras acadar unha ocupación do 83 % en agosto

Os datos de turismo rural son "espectaculares", rozando o 84 % de ocupación. Os albergues chegaron ao 85 % e os cámpings ao 75,3 %


06 setembro 2019
Balance Turismo de agosto

Cun 83 % de ocupación media, a provincia de Pontevedra sitúase "novamente como o puntal turístico de Galicia". Carmela Silva detallou esta mañá os datos de turismo do pasado agosto, que responden a un estudo rigoroso procedente do Big Data a través de fórmulas estatísticas que garanten un nivel de confianza do 95 %.

"A ocupación foi moi positiva a pesar de que agosto deste ano foi, segundo os informes de Meteogalicia, o segundo mes coa temperatura máis baixa da década e con precipitacións que o sitúan como o máis húmido do último lustro", asegurou a presidenta da Deputación. Por comarcas, O Salnés acadou o 88 %  de ocupación (chegando ao 90 % en vilas coma Sanxenxo e ao 86 % no Grove), Pontevedra o 86 % (sendo do 75 % na cidade de Pontevedra), O Morrazo o 86,3 %, Caldas o 76 %, Vigo o 87 % (coa mesma porcentaxe na cidade, que acadou ademais o 100 % durante a fin de semana do Marisquiño, e chegando ao 90 % en Baiona), O Baixo Miño o 87,4 %, O Condado e A Paradanta o 74 % e Deza e Tabeirós-Terra de Montes o 79 %.

Con respecto ao turismo rural, os resultados "foron espectaculares", cunha media provincial do 84 % en agosto. Neste eido, a presidenta fíxose eco dos datos proporcionados pola web escapadarural.com, que sitúa Pontevedra como a terceira provincia española coa maior porcentaxe de ocupación, soamente superada por Málaga e Cádiz. Carmela Silva detallou o resultado de ocupación de turismo rural por comarcas, que chegou ao 89 % na do Salnés, ao 80,5 % na de Pontevedra, ao 92 % na do Morrazo, ao 91,4 % na de Caldas, ao 74 % na de Vigo, ao 91,1 % na do Baixo Miño, ao 82 % nas do Condado e A Paradanta e ao 71 % nas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

No que respecta aos albergues, a ocupación destes en agosto chegou ao 85 %, segundo informou a presidenta da Deputación. Nas comarcas de Pontevedra, O Salnés e O Morrazo chegaron ao 90 %; na comarca de Vigo ao 83,6 %; na de Caldas ao 99,3 %; no Baixo Miño, O Condado e A Paradanta ao 90 % e en Deza e Tabeirós-Terra de Montes ao 62,5 %.

Pola súa banda, os cámpings acadaron unha ocupación media provincial do 75,3 %. Neste caso, os cámpings do Salnés chegaron ao 82,4 %, os do Morrazo ao 71 %, os da comarca de Vigo ao 83,3 %, os do Baixo Miño ao 55 % e os das comarcas do Condado e A Paradanta ao 85 %.

En canto ás vivendas turísticas, a presidenta provincial subliñou que a ocupación chegou ao 100 % en zonas como Sanxenxo, Cambados, Poio, Pontevedra, Vigo, Nigrán, O Grove, Cambados e Silleda. En Baiona, Cangas, Vilagarcía de Arousa, A Guarda e A Illa de Arousa superaron o 92% e en Marín, Meaño, Nigrán, Caldas, O Porriño e Vilaboa o 87,5 %. No caso destes establecementos, o perfil de persoas usuarias é de familias formadas por entre 2 e 4 membros, procedentes de todo o territorio estatal e que gozan de estancias de entre 7 e 10 días.

Perfil das persoas que acoden ás oficinas de Turismo Rías Baixas

A presidenta tamén facilitou o perfil das persoas que se achegan ás oficinas de Turismo Rías Baixas. Trátase de españolas e españois (85 %) procedentes de Madrid, Barcelona, Biscaia, Valencia e Valladolid. As que proveñen do estranxeiro (15 %) veñen de Francia, Reino Unido, Italia, Alemaña e Portugal. O 54 % conta con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos e alóxanse en hoteis entre 7 e 15 días. A maior parte destas persoas chega ata a provincia por cuestións relacionadas coa cultura, o ocio, a gastronomía e a natureza; e para a maioría era a súa primeira visita ás Rías Baixas.

Castelos e Camiños a Compostela

Este agosto pasaron 9.217 persoas polos castelos de Soutomaior e de Sobroso, das cales 5.905 visitaron Soutomaior e 3.312 Sobroso.

No que respecta aos camiños pola provincia, o máis transitado no primeiro semestre do 2019 foi o Camiño Portugués, con 30.534 peregrinas e peregrinos (13,33 % máis que o ano pasado). Segue ao Portugués o Camiño pola Costa, con 8.578 persoas usuarias (82,5 % máis que no 2018), a Vía da Prata, con 4.310 peregrinas e peregrinos (11,98 % máis) e o Camiño de Inverno, con 454 persoas peregrinas (70,68 % máis que no 2018).

Estimacións para setembro do 2019

A presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para dar a coñecer as estimacións, "con moita prudencia", para o mes de setembro, que sitúan a porcentaxe de ocupación nun 51 %. De feito, prevese un 53 % para a comarca do Salnés, un 56 % para Pontevedra, un 45,5 % para O Morrazo, un 65,6 % para Caldas, un 54% para Vigo, un 57,2 % para O Baixo Miño, un 31 % para O Condado e A Paradanta e un 47,2 % para Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

Audios

  • Audio