Noticias

Carmela Silva: "son claramente abolicionista. A prostitución é un enorme negocio que perpetúa as violencias machistas sobre as mulleres"

A presidenta da Deputación participou no Porriño na estrea en Galicia da película "El Proxeneta" de Mabel Lozano dentro do ciclo municipal "As Mulleres fan Porriño"


14 marzo 2019
Estrea en Galicia da película

"Un filme que pon o foco na verdadeira situación da prostitución. Unha historia durísima pero real que demostra como detrás desta escravitude de moitas mulleres atópase o negocio do crime organizado". Así definiu a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, "El Proxeneta", o novo traballo da escritora e directora Mabel Lozano, que retrata a historia que hai detrás dos prostíbulos da man dun ex proxeneta que relata a evolución do negocio da prostitución en España. Por primeira vez en Galicia, a película proxectouse esta tarde no Porriño, dentro do ciclo organizado polo Concello "As Mulleres fan Porriño" no que, ao longo de toda a semana, se desenvolven actividades para pór en valor o papel das mulleres. Carmela Silva participou hoxe neste acto, xunto á propia directora Mabel Lozano e á alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre. Tras a proxección do filme, tivo lugar un coloquio no que se debateu sobre a situación das mulleres no cinema e no activismo, así como sobre a temática da prostitución.

A presidenta provincial salientou a importancia de emprender e apoiar proxectos como este documental de Mabel Lozano, que pon o foco nun asunto tan grave como é o da prostitución. Lembrou que hai ensaios recentes que reflicten "que a prostitución é unha forma máis de violencia de xénero. O que as mulleres prostituídas teñen que soportar equivale ao que noutros contextos corresponde á definición xa aceptada de acoso ou abuso sexual". Carmela Silva manifestou que non cabe a legalización, "Son abolicionista. Só fai falta deterse a falar con mulleres prostituídas para saber que isto non é máis que un enorme negocio que perpetúa as violencias machistas, revestidas neste caso dunha suposta e falsa liberdade das vítimas. É unha gran falacia e non deixa de ser paragóxico que precisamente sexan os proxenetas os que máis piden unha regulación que legalice o seu negocio. Iso dino todo", asegurou.

Carmela Silva lembrou "datos arrepiantes" como que, segundo a ONU, España é o primeiro país de Europa e o terceiro do mundo onde máis prostitución se consome. Estímase que en España hai entre 300.000 e 400.000 mulleres que se dedican á prostitución e calcúlase que hai uns 3 prostíbulos por cada hospital público. Os estudos máis recentes tamén constatan cambios importantes e moi preocupantes no perfil do consumidor de prostitución, que ten virado agora cara homes máis novos, moitas veces con nivel alto de estudos, que ven a prostitución como unha forma máis de ocio. De feito, 2 de cada 3 homes que pagan en España por ter sexo cunha muller non consideran que a prostitución sexa unha forma de violencia.

Precisamente destas situacións e destes datos é do que se fala en "El Proxeneta", onde Mabel Lozano dá voz a Miguel, alcumado "El Músico", un ex proxeneta que vai relatando como evolucionou o negocio da prostitución en España desde finais dos anos 8o ata hoxe en día. O filme amosa todo un mundo, oculto á sociedade, de sexo, corrupción, asasinatos, trata de persoas, lavado de diñeiro, secuestros, violencia ou extorsións. É unha historia real de feitos probados, en sentenzas firmes, sobre os máis importantes proxenetas do noso país e sobre o crime organizado que move os fíos da prostitución.

A activista Mabel Lozano continúa así, con esta nova obra, a súa loita para denunciar as situacións de inxustiza que viven as mulleres, que abranguen distintos ámbitos pero que se ten centrado especialmente no tema da prostitución e da trata. Cómpre lembrar, por exemplo, en 2005 a súa primeira longametraxe documental "Voces contra la trata de mujeres", en 2009 "La teoría del espiralismo", en 2010 "Las Sabias de la Tribu", en 2012 o documental "Madre" e en 2015 o documental "Chicas nuevas 24 horas" sobre o tráfico e a explotación sexual de mulleres.