Noticias

Carmela Silva destaca en Vigo a "extraordinaria" humanización da estrada provincial que despois de anos de espera convértese nunha vía do século XXI

A presidenta destacou que "este proxecto era unha demanda histórica da cidadanía e supón a mellor garantía do forte compromiso da Deputación con Vigo"


14 xaneiro 2020
Inauguración da estrada provincial de Vigo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou hoxe en Vigo que as obras de humanización da rúa Emilio Pardo Bazán, coñecida como a Estrada Provincial de Vigo, compren unha demanda histórica que a cidade tivo durante décadas "para converter esta vía tan relevante da cidade nunha rúa con toda a calidade urbana que necesitaba esta contorna". Silva participou xunto ao alcalde vigués, Abel Caballero, na inauguración desta esperada humanización, que permitiu, segundo a presidenta, dotar á rúa "de todas as características urbanas do século XXI e converterse nun referente en mobilidade, seguridade e recuperación de espazos públicos para a xente".

Tanto Silva como o alcalde Abel Caballero lembraron "os moitos anos de reclamacións da cidade para unha das obras máis esperadas na cidade de Vigo, e que sempre tiveron do anterior Goberno da Deputación unha resposta negativa". Como apuntou a presidenta provincial, nesta mellora investiuse un total de 2,3 millóns de euros, dos que 1,8 foron achegados pola institución provincial e os 504.000 restantes o Concello, que realizou o proxecto e dirixiu as obras.

Máis polo miúdo, os traballos permitiron, como resaltou Carmela Silva, a renovación da iluminación, saneamento e abastecemento nun proxecto cunha gran "calidade na estética urbana" e "dotada de servizos para que as veciñas e veciños de Vigo poidan desfrutar desta rúa tan importante", cun importante censo de veciños e veciñas e cun intenso tráfico de vehículos e peóns. "Estamos satisfeitos e satisfeitas –engadiu– de que as administracións públicas sirvan para mellorar a vida da xente e particularmente na cidade máis importante da provincia e na cidade máis importante de Galicia".

Silva e Caballero, fixeron parada nalgún dos tramos da vía para visitar as actuacións realizadas, como a nova zona deportiva do parque alameda Andrés Gao. "Esta rúa é agora un espazo moi humanizado e moi pensado para os peóns, onde se garante a accesibilidade e mobilidade", insistiu a presidenta, que reiterou tamén que a Deputación manterá a súa aposta de investimento en Vigo: "Esta obra é unha proba clara do compromiso da nova Deputación con esta cidade –asegurou–. A Deputación pensa continuamente en Vigo, en todo o que Vigo necesita e que imos seguir investindo nesta cidade para mellorala e que siga sendo a gran cidade que é".

Ademais, Silva felicitou ao rexedor polos datos turísticos que confirman a Vigo como unha das grandes referencias de España, un dato coñecido en vésperas da celebración de Fitur. "E iso nos fai sentir moi ben –apuntou–, porque esta cidade ocupa cada vez máis espazo e iso nos vén moi ben ás viguesas e aos vigueses, pero tamén a toda a provincia e a Galicia, porque isto xera riqueza para todas e para todos".

Pola súa banda, Abel Caballero insistiu en que esta obra "inmensa e colosal" tan relevante para a cidade foi posible co apoio da "nova Deputación". "Isto é luz, é unha forma distinta de entender a cidade e a convivencia", destacou. "Isto fíxose porque a presidenta da Deputación é Carmela Silva e é a primeira tenente de alcalde de Vigo, porque se non, non se faría", sinalou ao lembrar que durante trece anos o Concello pediu a mellora desta vía, "que era unha calamidade e indigna para a xente", pero antes do actual Goberno, a institución provincial "nin miraba para ela". "Agora, en catro anos, xa está humanizada e financiada practicamente pola Deputación", destacou.

Para o alcalde, a nova colaboración entre ambas administracións "é a forma de progresar: o Concello empurra, a Deputación pon recursos e empurra; Zona Franca pon recursos e empurra, o actual Goberno de España pon recursos e empurra... Isto vai (...) E a esta cidade xa non hai quen a pare". Neste senso, referiuse ás 47 rúas do rural que se van urbanizar a través dun convenio xa asinado, co financiamento total da Deputación. "É un cambio histórico, afirmou porque, ademais, a Deputación está dando a Vigo aquelo ao que ten dereito. Non queremos quitarlle nada a ninguén. E iso está pasando hoxe".

Fotos