Noticias

Carmela Silva destaca o compromiso e o traballo da Garda Civil na loita contra a violencia machista na recepción ao novo coronel xefe de Pontevedra

A presidenta da Deputación garantiu ao novo responsable do instituto armado "a colaboración da institución provincial en todo aquilo que precisen"


23 xaneiro 2018
Novo coronel xefe Garda Civil Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou hoxe "o servizo fundamental que presta a Garda Civil ás vítimas de violencia machista e o seu gran labor contra esta lacra da sociedade". Así o transmitiu ao novo coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Jorge González Veiga, con quen mantivo a primeira entrevista oficial tras o seu recente nomeamento.

Silva cualificou a xuntanza como "moi amable e cordial como é a propia Garda Civil e quero poñerme a disposición do novo coronel porque o instituto armado presta un servizo fundamental ao conxunto da sociedade e así o temos que recoñecer". A presidenta recordou que tras o primeiro convenio para as obras da comandancia de Pontevedra, o ano pasado firmouse outro para a reforma das instalacións das oficinas de Cambados "porque as administracións non podemos dicir que prestan un servizo fundamental para a sociedade e logo non colaborar con eles en aquelas cousas nas que a Deputación poida actuar".

Pola súa banda, Jorge González, agradeceu á presidenta a súa disposición e sobre todo "polo concepto que ten a presidenta da Garda Civil". Con respecto ao traballo sobre a violencia machista o coronel salientou que desde o instituto armado "estamos a poñer un granito de area porque esta lacra social non só se pode combater con medidas policiais, todo debería comezar pola educación das nenas e nenos para que podamos reverter as cifras e os conceptos que hai sobre a violencia machista". O novo responsable da Comandancia de Pontevedra asegurou que cada vez que chega unha denuncia por violencia de xénero "sempre facemos o maior esforzo posible pero temos que recoñecer que os medios humanos son escasos e se nos esixe un esforzo que as veces non podemos chegar a todas as medidas preventivas que nos gustaría".