Noticias

Carmela silva destaca o éxito do lanzamento de "sigue o teu instinto" en FITUR, que xa superou en redes os seis millóns de impactos

A presidenta da Deputación agradeceu a "enorme transcendencia" da campaña provincial de turismo e a "comentadísima posta en escena xunto a Freijeiro, Abuín e Fortes"


24 xaneiro 2020
Balance FITUR 2020

O "pistoletazo" de saída da campaña "Sigue o teu instinto" en FITUR de Madrid "foi a mellor presentación de todo FITUR, a que tivo máis xente, a máis bonita, humana e chea de emocións de todas", asegurou orgullosa Silva ao tempo que daba a coñecer que desde o lanzamento da acción promocional acadáronse xa seis millóns de impactos en redes. Tamén presumiu a presidenta da Deputación de "regresar cargada de boas novas", co premio ao mellor audiovisual de Fitur por "Fame de experiencias", que se impuxo ás 60 candidaturas presentadas e superou á italiana Parma.

Desde o lanzamento da campaña "Sigue o teu instinto" os hasthags empregados (#Sigueoteuinstinto e #Detenteemira) chegaron a 1,3 millóns de persoas e acadaron preto de seis millóns de impactos. Soamente desde onte, o vídeo alcanzou preto de 4.000 visualizacións a través das redes sociais institucionais da Deputación de Pontevedra (Youtube, Facebook e Twitter) e a retransmisión en streaming está xa por riba das 700 visualizacións. "Tanto o vídeo principal como os outros dous falan dun modo de estar no mundo, de defensa da natureza, de sustentabilidade, e tamén de relación humana, de respecto ao conxunto das persoas, apostando pola diversidade", asegurou Silva.

Tamén amosou a presidenta a súa satisfacción pola repercusión acadada en medios galegos, nacionais e internacionais. Ao respecto, Camela Silva destacou que as embaixadoras e embaixadores que participaron na presentación da campaña, Celia Freijeiro, Jazmín Abuín e Xabier Fortes, "conseguiron que tivésemos moitísima repercusión en medios e redes sociais". A presidenta agradeceulles o seu apoio e destacou que "temos copado Madrid, xa é noso, desta provincia. Estou moi agradecida por esta xente moi potente que nos permite alcanzar unha difusión sen cuxo compromiso sería imposible". Nesta mesma liña a presidenta destacou a colaboración de Leticia Dolera (creadora de Vida perfecta, a serie na que actúa Celia Freijeiro) que puxo a disposición da Deputación as súas 160.000 persoas seguidoras coas que compartiu o vídeo "Sigue o teu instinto".

A presidenta da institución provincial amosou a súa alegría pola declaración do Cocido de Lalín como Festa de Interese Turístico Internacional, situándose como a primeira festa gastronómica de toda España en ser recoñecida con este distintivo. Tamén se sentiu orgullosa de que O Grove teña sido elixido o mellor destino petfriendly de España e que o Cámping a Paisaxe, que conta co distintivo SICTED do plan de Calidade da Deputación, teña acadado o galardón de mellor cámping de España. Ademais, tamén amosou a súa satisfacción pola renovación dos distintivos Q de calidade nas oficinas de información turística de Turismo Rías Baixas, o punto de información turística do mosteiro da Armenteira, o punto de información turística do aeroporto de Vigo, a oficina de Caldas de Reis, de Cangas, a oficina de turismo de Baiona e punto de información turística da Illa de Arousa, recollidos onte pola noite na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles de Madrid.