Noticias

Carmela Silva: "traballar da man co sector privado é a clave para potenciar o destino Rías Baixas"

A presidenta da Deputación e o presidente do Clúster do Turismo de Galicia valoraron moi positivamente o workshop realizado esta semana en Barcelona e anunciaron novas accións


30 novembro 2018
Balance Workshop Barcelona

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, fixeron balance hoxe, no Pazo provincial, do workshop realizado esta semana en Barcelona por parte da institución provincial e do sector turístico da provincia. "É a primeira vez que a Deputación realizou un evento coma este co sector fóra da provincia, pero acertamos de cheo, xa que foi un éxito rotundo. Entendemos que a cooperación e o traballo conxunto entre a Administración e sector privado son a clave para potenciar o noso destino", dixo Silva.

A presidenta explicou que a estratexia de traballo ten que ser bidireccional, "da Deputación ao Clúster, e do Clúster á Deputación. É fundamental sumar sinerxias para que o sector turístico sexa máis potente, máis forte, con máis capacidade de innovar e de posicionarse. Estar do lado do sector é garantía de éxito". Resaltou Silva que o workshop de Barcelona foi unha boa mostra de que esta cooperación funciona, "estiveron 55 empresas e 12 bloggers e medios especializados, que acudiron á cita con 25 empresas pontevedresas. Xeráronse máis de 12o encontros directos e xa podemos dicir que hai empresas que, a día de hoxe, xa teñen acordos pechados".

Tanto Silva como Pardal salientaron que este só foi o punto de partida, xa que a partir de agora vanse desenvolver máis iniciativas man a man entre Administración e sector para potenciar o destino Rías Baixas. Adiantaron que a próxima semana vai ter lugar unha sesión de avaliación do Clúster e de Turismo Rías Baixas para facer unha valoración máis detallada das e dos participantes do workshop en Barcelona, así como suxestións de cara a futuras iniciativas. "Con esta acción pechamos o ano de promoción, pero o seu grande éxito é un aliciente para seguir avanzando nesta colaboración público-privada porque o obxectivo, tanto da Deputación como do Clúster, é atraer un turismo sostible, de calidade, desestacionalizado, non só da costa senón tamén do interior, e ademais, cunha aposta forte pola intercionalización", dixo a presidenta, quen engadiu que un dos próximos obxectivos é programar accións similares nalgunha cidade europea que teña conexión directa con Vigo, "unha elección que debe propor o sector".

A presidenta provincial agradeceu o traballo e o bo facer do Clúster, "temos un sector moi potente, temos empresarias e empresarios que non só buscan o beneficio económico, como é lóxico, senón que tamén están comprometidas e comprometidos co territorio e coa nosa provincia". Resaltou ademais os destacados retornos en redes que obtivo o workshop de Barcelona. A súa retransmisión en directo foi vista por máis de 400 persoas en só 24 horas, "en Twitter tivemos un alcance de máis de 3.000 usuarias e usuarios e os chíos sobre o evento chegaron a máis de 133.000 contas e cun impacto de visualizacións de case medio millón".

Pola súa parte, o presidente do Clúster do Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, agradeceu o traballo realizado dende a Deputación con iniciativas como esta en Barcelona, "onde quedou xente fóra sen poder ir, debido á enorme demanda que tivemos. E o traballo alí feito xa está dando os seus froitos con temas xa pechados de cara a Semana Santa e á tempada estival". Pardal coincidiu coa presidenta Silva en que a cooperación público-privada é a clave para potenciar o destino Rías Baixas, "animamos a seguir facendo as cousas así. Este é o camiño correcto e oxalá outras deputacións comecen a traballar no mesmo sentido".

Fórum Gastronómico

Carmela Silva tamén adiantou que en Barcelona se pechou o acordo para que a Deputación participe no vindeiro Fórum Gastronómico, que se vai desenvolver na Coruña en marzo de 2019. "Será a primeira vez que participemos como Deputación e é fundamental estar aí, xa que é unha fórmula máis para poñer en valor o noso produto, a calidade das nosas e dos nosos chefs e todo o noso territorio como destino gastronómico". A presidenta lembrou que se trata dun evento de grande interese mediático e de asistencia, con máis de 23.000 persoas o pasado ano, "e o noso obxectivo é lograr que todas e todos aposten pola marca #pontevedraprovincia".