Noticias

Carmela Silva urxe a Xunta a pór en marcha unha mesa de traballo para elaborar un protocolo de actuación ante os crimes de mulleres

A presidenta da Deputación de Pontevedra considera que non se pode seguir así con cinco asasinatos na provincia


26 out 2015

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, demandoulle hoxe á Xunta de Galicia a posta en marcha dunha mesa de traballo na que estean todas as administracións, as asociacións de loita contra a violencia de xénero e os corpos e forzas de seguridade para elaborar un protocolo de actuación ante os crimes machistas. Silva recordou que, co asasinato do pasado sábado en Ponte Sampaio, van cinco mortas na provincia de Pontevedra e asegurou que "non podemos seguir así, é un escándalo".

Silva asegurou que as concentracións, coma a que tivo lugar esta mañá na sede da Deputación, son necesarias para visibilizar pero xa non son suficientes. "Temos que ser capaces de poñer enriba da mesa medidas para que isto non volva ocorrer. Non podemos seguir así. É o quinto asasinato na provincia. Quedamos sen palabras", manifestou a presidenta visiblemente emocionada.

Para a presidenta da Deputación non se trata de responsabilizar nin culpabilizar a ninguén  pero xa é necesario tomar medidas. "A Xunta tennos que convocar a todas as administracións, ás asociacións de mulleres que loitan contra a violencia, ao delegado do Goberno, aos subdelegados, ás forzas de seguridade e ao poder xudicial para dar unha resposta a estes asasinatos", subliñou Carmela Silva.