Noticias

Carmela Silva valora positivamente o descenso do paro na provincia, pero expresa a súa preocupación polos datos de Galicia

Pontevedra é a única provincia galega na que o desemprego baixou en 4.200 persoas, segundo a EPA


24 outubro 2019
Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, valorou os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre do ano "de xeito positivo polos resultados da provincia de Pontevedra, na que o paro baixou en 4.200 persoas", pero ao mesmo tempo mostrou a súa preocupación por que en Galicia suba o desemprego con 3.100 persoas máis e se sitúe así en 143.500. "Espero que alguén dea explicacións sobre este dato, xa que cando os números  son positivos parece que é grazas ao traballo da Xunta e cando non son bos tiran balóns fóra", dixo Silva.

Respecto á provincia, a presidenta afirmou estar "satisfeita cos resultados, porque creo que este é o maior problema que temos, aínda que hai que seguir mellorando para reducir aínda máis o paro e aumentar a calidade do emprego. Aínda así, o feito de que Pontevedra sexa a única provincia galega na que diminúe o paro indica que aquí temos un maior dinamismo da actividade económica e do emprego". En canto aos datos de ocupación, a EPA indica que na provincia pontevedresa hai 8.700 persoas ocupadas máis que no segundo trimestre de 2019.

Carmela Silva tamén explicou que "a nivel estatal, aínda que non é suficiente, o  descenso do desemprego é unha boa nova". Ademais, o número de persoas ocupadas en España aumentou en 69.400, cun total de 19.874.300 empregadas e empregados. Na comparativa interanual o emprego medrou en 364.300 persoas, un 1,77 % respecto ao terceiro trimestre de 2018.

Audios

  • Audio