Noticias

Carmela Silva visita as obras do Centro Cultural de Rubiós, no concello das Neves

Os traballos de ampliación foron financiados integramente pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos


28 setembro 2019
Centro Cultural Rubiós

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitou hoxe as obras para a ampliación do Centro Cultural de Rubiós, no concello das Neves, uns traballos que permitirán reforzar o uso destas instalacións para actividades culturais diversas e adaptalo para as necesidades contemporáneas. Trátase dun proxecto financiado pola institución provincial, ao abeiro do Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos 2018-2019, no que o investimento final foi de 401.435 euros.

A obra enmárcase, como destacou Silva, no compromiso da Deputación para mellorar as infraestruturas culturais, dentro do obxectivo global de potenciar o equilibrio territorial entre os concellos da provincia, "porque os e as cidadáns dos concellos da provincia, vivan onde vivan, teñen as mesmas necesidades e os mesmos dereitos".  

Máis polo miúdo, as obras consistiron na construción dun novo volume anexo ao centro polo escenario, con destino a camerino e almacén, cun acceso independente ao edificio e que serve de complemento ao salón de actos. Tamén se habilitou un novo corredor que posibilitará no futuro a unión do vestíbulo do centro cultural coa antiga casa dos mestres e co novo volume dos camerinos, mellorando a accesibilidade entre ambos espazos. E, no eixe deste corredor, habilitáronse tres novas salas polivalentes. O conxunto ten tamén un novo acceso polo norte, cunha parcela que se acondicionou como aparcadoiro.

O novo edificio dotacional desenvólvese nunha única planta, dun xeito funcional e accesible. Os novos volumes foron executados en formigón armado visto, con grandes panos acristalados que matizan as unións entre eles. A ampliación permite así mesmo que o conxunto urbanizado se entenda como un área de equipamentos, a través da nova imaxe de conxunto e o tratamento exterior dos novos accesos e a relación destes co espazo público.

Fotos