Noticias

Carmela Silva visita en Ponte Caldelas obras financiadas co Plan Concellos, "É máxico ver a transformación que viviu esta vila en catro anos"

"Ponte Caldelas ten vivido un cambio radical con este alcalde, que ten un proxecto claro para o seu pobo, e que non se circunscribe estritamente ao centro", declarou a presidenta


11 xuño 2019
Ponte Caldelas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado Carlos Font, e ao alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, visitou esta mañá en Ponte Caldelas as obras de humanización dos xardíns Xerardo Carballal; a mellora no contorno do CEIP, a Galiña Azul, a ludoteca e o instituto; e a ampliación da beirarrúa e instalación dunha fonte no núcleo urbano. Estas tres actuacións están financiadas a través do Plan Concellos da Deputación cun total de 360.000€. "É máxico ver a transformación que viviu esta vila en catro anos, resulta sorprendente, e isto faise con moito traballo, con moito compromiso e con ideas claras", declarou a presidenta.

Na súa intervención, Silva enxalzou ao Goberno municipal de Ponte Caldelas, "estou segura de que nos catro anos seguintes este concello vaise converter, aínda que xa o é, nun concello de referencia na provincia e augúrolle un extraordinario futuro porque esta nas mellores mans". A presidenta engadiu que "a vila ten vivido un cambio radical co alcalde, que ten un proxecto claro para o seu pobo, un proxecto baseado na modernización das infraestruturas, das comunicacións, pero tamén un proxecto económico de futuro que non se circunscribe estritamente ao núcleo urbano e ao centro, senón a todos os núcleos". Para rematar, Carmela Silva animou á xente a visitar e coñecer este concello e amosou unha vez máis o seu orgullo afirmando que " estas actuacións son unha aposta dunha nova visualización de como teñen que ser os pobos".

Pola súa parte, o alcalde de Ponte Caldelas recalcou que "gran parte das cousas que se fixeron nesta vila foi polo aporte de diñeiro da Deputación de Pontevedra e, isto mesmo, pediriámosllo tamén á Xunta de Galicia, que lle faga un aporte aos concellos en función de criterios obxectivos". E, ademais, Andrés Díaz fixo fincapé en que "durante estes catro anos sufrimos unha asfixia total e absoluta por parte da Xunta e gustaríanos que o reparto do diñeiro de todos fose equilibrado e ao igual que o fai a Deputación, con criterios obxectivos, é todo un exemplo que ten que seguir a Xunta de Galicia".

Máis polo miúdo, na humanización dos xardíns Xerardo Carballal xerouse un novo espazo de convivencia nunha parte da praza de España, renováronse os servizos soterrados e repuxéronse os pavimentos de pedra e formigón, converténdose nun espazo aberto para o goce da veciñanza. Ademais, no núcleo urbano tamén se executou a ampliación da beirarrúa e a instalación dunha fonte. Por último, a actuación para a mellora na contorna do CEIP, A Galiña Azul, a ludoteca e o instituto, xa avanzada, está a comprender obras de barrido e limpeza, pavimentación, execución dun novo paso peonil, instalación de sinalización e marcado de zonas para o estacionamento.

Preto de 4 millóns de euros na lexislatura

Nos catro anos de lexislatura, a Deputación de Pontevedra leva investidos en Ponte Caldelas preto de 4 millóns de euros en todas as áreas de Goberno. En canto ao vixente Plan Concellos 2019, a institución provincial achega ao municipio 575.868,20 euros, un 3,20 % máis ca no exercicio anterior. Ademais, ao longo dos catro anos de mandato, Ponte Caldelas puido financiar un total de 40 obras a través da liña 1 do Plan Concellos por máis de 1,5 millóns de euros. No que respecta á liña 3 de Emprego, este municipio puido contratar a 45 traballadores e traballadoras municipais. Pola súa banda, o concello de Ponte Caldelas tamén foi beneficiario o Plan de Reequilibrio cun total de 305.698,76 euros para a humanización da praza de España e do primeiro tramo da avenida de Vigo.