Noticias

Carmela Silva: "Xosé Fortes representa o compromiso que tivo España co cambio profundo que supuxo a democracia"

A presidenta da Deputación mantivo un encontro co historiador e escritor que acaba de publicar as súas memorias de infancia e xuventude 'A rienda suelta'


07 outubro 2019
Reunión con Xosé Fortes

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu esta mañá no seu despacho do Pazo provincial ao historiador e escritor, Xosé Fortes. O encontro, ao que tamén asistiu a deputada de Cultura, Victoria Alonso, produciuse despois de que Fortes presentase recentemente no Museo de Pontevedra A rienda suelta, o libro de memorias que recolle "a primeira parte da súa longa vida, a etapa da infancia e da xuventude". Carmela Silva salientou que Fortes, que lle entregou un exemplar do mesmo, fala "dunha Galicia que aínda ten a pegada do que sempre fomos as galegas e os galegos".

A presidenta provincial puxo en valor un título "marabillosamente escrito" na que o lector ou lectora atopará "unha mirada positiva sobre a Galicia rural, e tamén lembranzas da Galicia urbana pero desde esta perspectiva rural. Lémbranos unha forma de ida e de ser desde o optimismo, do que estamos necesitadas e necesitados". Silva quixo lembrar que "a Galicia do choro, do laio e do pesimismo non é a Galicia real, non a foi nin o é tampouco agora. Galicia ten unha historia, e unha ollada sobre esa historia, da que sentir orgullo". A presidenta provincial fixo fincapé en que "o propio Fortes foi quen quixo ter esa ollada positiva, e amósao tamén na marabillosa dedicatoria do exemplar que me entregou". Nela, Fortes "fai mención a que durante os anos de posguerra, a única ilusión que tiñamos as persoas era que tiñamos a nosa vida por diante, como sempre tivemos en Galicia".

A presidenta da Deputación de Pontevedra salientou o "pracer" que foi manter un encontro cunha persoa cunha traxectoria como a de Fortes, nado en Caroi (Cerdedo-Cotobade) en 1934 e prisioneiro do réxime franquista por ser un dos fundadores da Unión Militar Democrática. Licenciouse en Filosofía e Letras na especialidade de Historia e tras saír do cárcere aprobou as oposición de docente. Ademais, entre outros méritos, foi tenente de alcalde da primeira corporación democrática da cidade de Pontevedra e dirixiu Vagalume, a primeira revista infantil-xuvenil en lingua galega. Deste xeito, Carmela Silva asegurou que "Fortes representa o compromiso co cambio profundo que tivo España grazas a xente valente coma el que apostou pola democracia, e iso fai que me sinta moi orgullosa".

Tras un encontro no que deu tempo a falar da súa vida, familia e amizades, de feminismo, de cultura ou tamén da situación política actual, o intercambio cultural que mantiveron Carmela Silva e Xosé Fortes continuou cando a presidenta lle entregou unha serigrafía do artista cubano e afincado en Vigo Nelson Villalobos, unha lámina na que "aínda que non o pareza, está representado o Pazo provincial".