Os castelos de Sobroso e Soutomaior referentes turísticos da provincia nesta Semana Santa

O Castelo de Sobroso, gran protagonista tras a súa musealización, arranca este sábado as xornadas de portas abertas coa totalidade das prazas esgotadas

09/04/2022

Soutomaior

Os Castelos de Sobroso e Soutomaior están preparados para situarse esta Semana Santa como os grandes referentes turísticos na provincia de Pontevedra. Así, Sobroso, tras a súa innovadora musealización, estrea este sábado as xornadas de portas abertas, cuxas 450 prazas esgotáronse en menos de dúas horas. Pola súa banda, o Castelo de Soutomaior oferta este ano, como novidade, a visita ao muíño recentemente restaurado pola institución provincial. Ámbolos dous lugares históricos, musealizados  pola Deputación, teñen convertido xa á provincia no único destino galego con espazos fortificados adaptados ás novas tecnoloxías e ás multiexperiencias que demandan as persoas turistas.

No caso do Castelo de Sobroso as xornadas de portas abertas comezan hoxe e continuarán mañá domingo para volver abrir as súas portas os días festivos de Semana Santa, días 14, 15 e 16 de abril con 6 pases diarios para 15 persoas cada un, ás 11, 12, 13 horas da mañá e ás 16, 17 e 18 horas da tarde. Nestas xornadas as persoas poderán coñecer de primeira man un equipamento museográfico actual, moi dixital, con audiovisuais amenos e entretidos que van potenciar o atractivo do Castelo de Sobroso acorde coas tendencias da demanda turística actual. Durante a súa visita, as persoas que ata alí se acheguen descubrirán a paisaxe na que se integra o castelo, a súa historia e as persoas vinculadas á fortificación, o seu papel na Idade Media, a súa destrución e recuperación, o proceso de construción, as tradicións orais e as lendas que o rodean. Todo elo a través de producións audiovisuais, caixas máxicas, videomapping e xogos de luces e sons que explicarán os detalles históricos e anécdotas do edificio e das persoas que o habitaron.

Tras estas xornadas de portas abertas, a partir de maio, as persoas que desexen visitar o Castelo de Sobroso poderán adquirir as súas entradas na nova web www.castelodesobroso.com, onde se incluirá toda a información e noticias de actualidade sobre o recinto histórico.
En canto ao Castelo de Soutomaior xa están pechadas visitas de grandes grupos e de persoas que formalizaron xa a compra das súas entradas. Ademais das visitas individuais, grupais e por libre dos xardíns e do castelo, como novidade, esta Semana Santa as persoas que se despracen ata a fortaleza poderán gozar do Muíño das Afreitas, recentemente restaurado pola Deputación, e ver como se realizaba antigamente a moenda de cereais.

O Castelo de Soutomaior ten abertos os seus xardíns nesta temporada entre as 10 e as 19.00 horas de martes a domingo. No que respecta ao propio castelo pode visitarse de martes a venres de 10 a 19 horas e os sábados, domingos e festivos de 10 a 18 horas. Ofértanse entradas individuais e visitas guiadas tanto aos xardíns e o castelo como soamente ao castelo que poden adquirise directamente alí ou a través de entradas.castelodesoutomaior.com.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.