A antiga Casa do Concello de Catoira transfórmase en Casa das Artes co impulso da Deputación a través do Plan ReacPON

Un investimento provincial de 450.000 euros converterá o inmoble nun espazo de referencia cultural, accesible e sostible

24/08/2022

Catoira ReacPOn

A antiga Casa do Concello de Catoira está a transformarse para converterse nunha referencia cultural para todas as veciñas e veciños do municipio. Así, a futura Casa das Artes dará unha nova vida a un edificio emblemático situado no centro de Catoira, o que facilitará o seu desfrute por parte da veciñanza. As obras, xa en marcha, contan cun orzamento de 449.248 euros financiados integramente pola Deputación de Pontevedra, que aporta 381.861 euros co Plan ReacPon e xa concedeu a Catoira os 67.397 euros restantes a través do Plan Concellos. Ata a obra achegáronse o deputado provincial, Gregorio Agís, e o alcalde de Catoira, Alberto García.

O financiamento da Deputación permitirá aglutinar non só edificio as diferentes escolas municipais (pandeireta, gaita, artes plásticas ou teatro, entre outras) que na actualidade están dispersas por varios locais. A Casa das Artes  será, por tanto, un espazo integrador da vida cultural do concello. Ademais, o inmoble acollerá a radio municipal. Para que toda a veciñanza poida desfrutar destes servizos, a Casa está concibida como un lugar totalmente accesible, sen barreiras arquitectónicas, e que se dotará de ramplas e dun ascensor.

O inmoble contará con varias zonas diferenciadas como un espazo aberto destinado a zona de estudo e uso de tecnoloxías ou un grande salón polivalente onde se poderán levar as actividades das escolas, que disporá dun tabique móbil para gañar en flexibilidade de usos delimitando os espazos interiores en función das necesidades que existan en cada momento.

A sostibilidade foi unha das premisas que estivo en todo o momento sobre a mesa cando se formulou este proxecto, que segue a liña dos obxectivos do Plan ReacPon da Deputación. Neste senso, a antiga casa consistorial converterase nun lugar “descarbonizado” cunha envolvente térmica óptima, máquinas de climatización e produción de auga quente sanitaria e paneis fotovoltaicos que reducirán a dependencia enerxética das instalacións. Na mesma liña melloraranse os illamentos térmicos para optimizar o consumo de enerxía e apostarase sistemas renovables, paneis acústicos e sistemas e materiais que garantan as condicións de hixiene, saúde e protección do medio ambiente.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.