Noticias

César Mosquera: "Este será o mandato da consolidación do Plan Revitaliza"

A Deputación aprobará mañá na Xunta de Goberno axudas de 1.726.000 euros para os concellos de Mondariz, As Neves, Tomiño, Vilaboa, Mondariz-Balneario, A Illa de Arousa, Valga, O Grove e Poio


01 agosto 2019
César Mosquera

"Este será o mandato da consolidación do Plan Revitaliza". Así o indicou hoxe o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, quen deu conta das subvencións que se aprobarán mañá na Xunta de Goberno ao abeiro do Plan provincial de residuos. Estas axudas, por valor de 1.726.861,69€, permitiranlles aos concellos de Mondariz, As Neves, Tomiño, Vilaboa, Mondariz-Balneario, A Illa de Arousa, Valga, O Grove e Poio adquirir composteiros individuais e colectivos, maquinaria e vehículos, material complementario e todo o preciso para botar a andar e desenvolver de maneira correcta os plans municipais de tratamento de residuos adaptados á compostaxe.

Segundo explicou o vicepresidente, nesta segunda convocatoria de axudas Mondariz recibirá 182.570,85 euros, As Neves 98.269,06 euros, Tomiño 456.018,24 euros, Vilaboa 239.825,76 euros, Mondariz-Balneario 140.437,89 euros, A Illa de Arousa 150.978,67 euros, Valga 164.649,97 euros, O Grove 43.933,97 euros e Poio 250.177,28 euros. Estes concellos pasaron o corte pola calidade das memorias das solicitudes presentadas. As subvencións provinciais serán de ata un 90 % do orzamento solicitado, e o investimento total realizarase coas achegas municipais de 2,25 millóns de euros. As solicitudes presentadas polo Concello de Ponteareas e a Mancomunidade de Concellos do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña) foron eliminadas por motivos técnicos.

Nestes momentos, segundo indicou Mosquera, hai na provincia 42 municipios adheridos ao Plan Revitaliza, dos que 14 —a diferentes ritmos— teñen como base o tratamento de residuos baseados na compostaxe. No que se refire á axudas da liña 2 do Revitaliza, O Grove, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves e Vilaboa recibirán achegas para continuar co sistema de tratamento de residuos e estendelo por todo o concello, mentres que A Illa de Arousa, Poio, Tomiño e Valga recibirán axudas para poñelo en marcha dende cero.

O prazo de execución das actuacións das subvencións provinciais rematará o 31 de decembro de 2020, que tamén é a data límite do prazo que fixa o Plan de Residuos de Galicia para separar e reciclar o 50 % dos residuos municipais. Segundo explica Mosquera, os concellos na liña 2 do Revitaliza "van superar este separado do 50 % dos residuos" no prazo marcado, se ben o obxectivo é  que todos poidan cumprir a normativa da UE na seguinte data límite, o 2023. "Pontevedra é a provincia con máis concellos a mellor ritmo para cumprir coa normativa, pero cumpríndoa de verdade, e non contando como reciclaxe algo que non o é", dixo o vicepresidente, quen asegurou que nestes momentos Vilaboa está a piques de salvar os obxectivos legais e que Pontevedra tamén vai por bo camiño.

Asistencia técnica

Ademais dos concellos que recibirán as axudas da liña 2, a Deputación axudará outros seis municipios da provincia adheridos ao Plan Revitaliza e que solicitaron as axudas da liña 1: Portas, O Covelo, Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, Poio e A Guarda. A Deputación facilitaralles asistencia técnica a estes concellos, por medio do persoal técnico da institución provincial, para que redacten plans municipais de recollida e tratamento de residuos que respondan aos criterios do Plan Revitaliza. Segundo Mosquera, o traballo do persoal técnico consistirá en estudar o campo normativo dos concellos e elaborar as ordenanzas en materia de residuos de xeito específico, ademais de calcular o número de elementos de compostaxe e maquinaria necesaria e o seu custo.

O vicepresidente tamén sinalou que, neste novo mandato, no que se produciron cambios de goberno nalgúns concellos, haberá xuntanzas con todos os municipios da provincia e abrirase un novo prazo de adhesións para intentar que todos os concellos da provincia que aínda non o fixeron soliciten a súa inclusión no Revitaliza para traballar coa compostaxe.

CONCELLOS ADHERIDOS AO PLAN REVITALIZA (pdf)