Noticias

Chega a III edición dos obradoiros "Depo FabLab" para formar a persoas emprendedoras en tecnoloxía dixital

Desde este mes de febreiro e ata maio vanse desenvolver 7 actividades formativas, nas que poden participar un cento de persoas


11 febreiro 2019

Este martes comeza a terceira edición dos obradoiros do espazo "Depo FabLab", o laboratorio de fabricación dixital que a Deputación de Pontevedra impulsa no espazo de coworking do polígono de Barro. Baixo o título "A que nivel se atopa a tecnoloxía e que ferramentas hai para crear", un total de 15 persoas participarán desde mañá, de 16:30 a 19:30 horas, no curso sobre as últimas tecnoloxías creativas.

O segundo dos obradoiros terá lugar o 19 de febreiro sobre "Deseño 3D con ferramentas libres e impresión 3D I"; o 12 de marzo terá continuación con "Deseño 3D con ferramentas libres e impresión 3D II"; "Deseño 3D con ferramentas libres e impresión 3D III" desenvolverase o 26 de marzo; o 23 de abril terá lugar o obradoiro de "Arduino con ferramentas libres I"; "Arduino con ferramentas libres II" será o 30 de abril; e o ciclo pecharase o 7 de maio con "Arduino con ferramentas libres III".

Todos os obradoiros se desenvolven polas tardes, e teñen capacidade para un máximo de 15 persoas, xa que son os espazos de traballo dispoñibles no Fab Lab. O acceso é libre e soamente require inscrición previa. Aínda hai prazas dispoñibles para as persoas que queiran anotarse e poden inscribirse na páxina web da Deputación, a través do enlace www.depo.gal/coworking-en-pontevedra/obradoiros-fab-lab-3-edicion, ou no correo electrónico cwpontevedra@eoi.es.

O espazo "Depo FabLab" busca converterse nun punto de referencia na provincia de Pontevedra para as persoas emprendedoras, buscando atraer proxectos de corte innovador e tecnolóxico. É un espazo no que se favorece a aprendizaxe teórica e práctica sobre as últimas ferramentas tecnolóxicas en canto a dixitalización, impresión ou robótica. Para dar cabida ás últimas tecnoloxías, o FabLab conta con impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, utillaxe e ordenadores de sobremesa con gran capacidade de procesamento e almacenamento. Ademais, para poder levar a cabo labores experimentais no eido da electrónica e programación, dispón tamén dun gran número de circuítos integrados (Shield) que permiten conectividade wi-fi, Bluetooth, GPS, 3G, NFIC e de sensores de son, temperatura, cor, distancia, presión e humidade.