Noticias

Chega a Ribadumia a homenaxe da Deputación ao deporte olímpico e paralímpico da provincia "De Pontevedra a Río 2016"

A mostra fotográfica, que inaugurará este mércores a deputada de Deportes Chelo Besada, poderase visitar no auditorio de Ribadumia ata o 6 de outubro


26 setembro 2017
Olimpicos de Pontevedra a Rio 2016

A deputada de Deportes, Chelo Besada, acompañada polo alcalde de Ribadumia, David Castro, inaugurará este mércores 27 de setembro, ás 12 horas, a exposición fotográfica "De Pontevedra a Río 2016", organizada pola Deputación de Pontevedra, nun acto que terá lugar no auditorio da vila do Salnés. Esta iniciativa, réndelle homenaxe aos e ás deportistas olímpicos e olímpicas, por unha banda, e paralímpicos e paralímpicas, pola outra, da provincia de Pontevedra que participaron nas últimas edicións dos Xogos en Río de Xaneiro. A mostra estará aberta ata o vindeiro 6 de outubro e poderase visitar no propio auditorio de luns a xoves de 17 horas ás 19 horas e o sábado de 17 horas ás 20 horas.

Durante toda a mañá máis de 250 nenas e nenos de entre 3 e 7 anos dos colexios CRA de Ribadumia e CPI Julia Becerra Malvar participarán en exhibicións e actividades deportivas. Ademais, estas nenas e nenos asistirán o acto de presentación da exposición.

A exposición, que comezou no Pazo provincial en Pontevedra o pasado mes de outubro, xa recalou en diversas localidades da provincia como Tui, Cambados, Nigrán, Sanxenxo, Lalín, As Neves, Silleda, A Estrada, Marín, Ponteareas, O Rosal, Cangas, Gondomar, Meaño, Oia, Mondariz, Poio, Valga, A Guarda ou Pazos de Borbén, e ao longo deste ano ten previsto estar á disposición do público en varias localidades da provincia.

"De Pontevedra a Río 2016" recolle o palmarés das e dos 16 deportistas que participaron nos Xogos nuns paneis individuais nos que se poden comprobar as súas traxectorias deportivas. Os 16 de "Río 2016" son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabéu Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Martín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.