Noticias

Cheo absoluto na estrea das visitas teatralizadas da Deputación de Pontevedra ao castelo de Sobroso

A pantasma Sancha é a personaxe que este ano guía as visitas nas que, ao través de varias pistas, as familias son as protagonistas que a axudan a fuxir do castelo


10 maio 2019
Visitas teatralizadas castelo de Sobroso

O deputado de Turismo, Santos Héctor, asistiu esta tarde á primeira visita teatralizada do castelo de Sobroso. Esta iniciativa continuará durante toda a fin de semana, en concreto, este sábado, ás 12 h e ás 17 h, e o domingo, ás 12 h. Ademais, debido ao alto interese xerado polas visitas teatralizadas, a institución provincial abrirá o luns o prazo para catro novas quendas para os días 23 e 30 de xuño, a partir das 12 h e das 17 h, cun total de 80 novas prazas.

Máis polo miúdo, a pantasma Sancha, protagonista dun xogo de pistas para as familias, foi a encargada de guiar a visita. Neste eido, as persoas participantes tiveron que axudar a Sancha, que soña con escapar do castelo, a descubrir tres obxectos que permanecen agochados tras os muros e historias de Sobroso. Para isto, as e os asistentes realizaron unha ruta polos muros da fortificación, coñeceron as personaxes que habitaron no castelo e as historias que aconteceron alí e no seu entorno.

Como cada ano, coas visitas teatralizadas a Deputación de Pontevedra busca desestacionalizar o turismo na provincia e dar a coñecer a historia tanto de Sobroso como de Soutomaior dun xeito ameno, interactivo, innovador e divertido. No caso do castelo de Soutomaior as visitas comezaron o pasado domingo, 5 de maio, e continuarán este domingo, 12 de maio, e os días 19 de maio e 1, 2 e 8 de xuño, con grupos de 30 persoas por quenda. As prazas, ao igual que para o castelo de Sobroso, tamén se esgotaron as poucas horas de abrir o prazo de inscricións.

Fotos