A película documental “A poeta analfabeta” chega a cinco concellos da provincia da man do Ciclo Mestre Mateo

As sesións terán lugar os vindeiros días 21, 27 e 28 en espazos culturais de Forcarei, Poio, Redondela, Ponteareas e Cambados

19/05/2022

A Poeta Analfabeta

O Ciclo Mestre Mateo, que promoven conxuntamente a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, celebrará os vindeiros días 21, 27 e 28  a súa terceira sesión coa proxección nos concellos de Forcarei, Poio, Redondela, Ponteareas e Cambados do documental “A poeta analfabeta”, finalista na candidatura desta categoría nos premios Mestre Mateo. O ciclo, que busca dotar aos concellos da provincia  dunha programación estable de cinema en galego, exhibirá ao longo do ano o resto das películas premiadas e finalistas dos Mestre Mateo 2022, polo que amais de “A poeta analfabeta” tamén se proxectararán nos próximos meses o documental “Welcome to ma maison” así como as longametraxes “Tres”, a premiada, e as finalistas “Cuñados”, “Jacinto” e “Malencolía”.

A proxección do filme “A poeta analfabeta” terá lugar o sábado 21 ás 18 horas no Multiusos de Soutelo de Montes de Forcarei; ás 19:30 no Multiusos da Xunqueira de Redondela e ás 20 horas no Centro Cultural Xaime Illa de Poio; o venres 27 de maio ás 20:00 na Sala Multiusos do Auditorio de Ponteareas; e por último, o sábado 28 ás 20 horas no Auditorio municipal de Cambados.

 O documental “A poeta analfabeta” retrata a unha muller fascinante: Luz Fandiño, poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria.  Aos seus 88 anos é unha das voces vivas da emigración galega, da que volveu pobre, pero cunha fonda consciencia da súa identidade, a súa lingua e o seu xénero. O relato xira en torno ao seu retrato: a súa historia de vida, a súa loita política e a súa obra poética, pero tamén amosa aquelo que Luz xera ao seu redor e que conforma o seu legado o cal a converte nunha icona para moita xente. O filme é unha produción de Cósmica Producións e está dirixida por Sonia Méndez.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 15 resultados.