“Tombo Bags” e “Skeirrum” álzanse cos premios do Demoday que clausura o primeiro programa de emprendemento do viveiro de Barro

Carmela Silva: “Somos moi conscientes do enorme traballo que hai detrás de cada unha destas ideas que pretenden dar resposta as novas demandas da sociedade”

26/07/2022

I Programa Emprendemento de Barro

O Programa de Emprendemento do Viveiro de Barro puxo hoxe o peche de ouro á súa primeira edición cunha xornada na que se presentaron os doce proxectos que participaron nesta iniciativa da Deputación, e entre os que se entregaron dous premios de 1.000 euros. Estes recaeron en “Tombo Bags”, iniciativa dun equipo de Pontevedra dedicada á fabricación de complementos artesanais, como mellor proxecto de emprendemento sostible, e Skeirrum, un proxecto da Guarda que pretende fomentar un estilo de vida activo entre a mocidade, como mellor iniciativa de emprendemento dixital. Ata este demoday achegáronse a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, familias das e dos emprendedores e o  xurado dos premios, do que formou parte a deputada de Novas Tecnoloxías Ana Mejías.

En relación a estes galardóns, a presidenta da Deputación deixou claro que “tería que haber doce premios porque o mellor que lle pode pasar a unha sociedade é ter xente creativa, que é o que fai que as sociedades avancen e diso estamos sobrados na provincia”.  Carmela Silva afirmou tamén que “somos moi conscientes do enorme traballo que hai detrás de cada unha destas ideas” e destacou que os proxectos que participaron “son moi importantes xa que pretenden dar resposta as novas demandas que hai na sociedade”. Referiuse de xeito especial ás mulleres emprendedoras, que foron maioría nesta iniciativa, xa que “a traballadoras, creativas, impulsoras, a ter garra non nos gaña ninguén”. Carmela Silva tamén tivo palabras para as familias de todas as persoas participantes nestes proxectos que as e os quixeron acompañar nun día tal especial. Entre elas estaba Antonio Lomba, alcalde da Guarda e pai dunha das participantes.

O alcalde Xosé Manuel Fernández puxo en valor o traballo que fai a institución provincial para dinamizar o Viveiro de Barro. “O premio máis importante é que a Deputación de Pontevedra poña a disposición de todas e todos vós estes recursos”. E destacou a importancia de que “unha administración pública teña o interese, e ao mesmo tempo o coidado, en que todas as persoas que teñan ideas e ganas poidan sacar adiante proxectos, innovación e emprendemento”, e máis “cando hai iniciativas ilusionantes nas que se ven nichos de mercado”. Tamén gabou o labor de todas as persoas que traballa a prol do emprendemento neste polígono. “Estou seguro de que este equipo de persoas vos axudou a levar adiante os vosos proxectos con máis garantías e que fixo un traballo excepcional”. 

Nesta xornada, ademais dos proxectos gañadores, expuxéronse as iniciativas de “La médica de tus finanzas” (Vilagarcía), que busca educar en finanzas, e “GM Solutions SL” (Barro), que pon en contacto a pemes e familias con profesionais de distintos sectores. Tamén participou “Tv Lux”, unha empresa de Pontevedra concibida como unha plataforma online de contidos de entretemento e crecemento persoal, un proxecto de Marín chamado “Balcones de Loira” e orientado ás experiencias turísticas sostibles, e tres de Vigo: a “Escuela Medio Ambiental Fragas”, que busca diminuír a contaminación ambiental mediante a educación, “Glisacra”, de actividades turísticas, e “Troulanda”, un proxecto web dedicado ao turismo. Ademais, tamén se expuxo a iniciativa “Cbutts”, unha empresa de Tui que desenvolveu un dispositivo ecolóxico para acumular cabichas.

No I Programa de Emprendemento participaron ademais o “Proxecto enerxía e eficiencia enerxética”, que dende Pontevedra dá información sobre como xerar enerxía e mellorar a eficiencia enerxética, e “Maxu Brava” un proxecto de Vigo dedicado á produción de proxectos artísticos, educativos e divulgativos con denominación galega.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.