A EP-1104 Coiro-Moaña gaña en seguridade tralo remate das obras de mellora da mobilidade peonil da man do IDAE, a Deputación e o concello

As actuacións comprenderon un tramo de 580 metros nos que se recuperou o espazo público e se mellorou a mobilidade peonil cun orzamento de case 700.000 euros

18/07/2022

coiro-Moaña

A EP-1104 Coiro-Moaña loce un aspecto renovado trala finalización das obras de recuperación do espazo público e mellora de mobilidade peonil que se levaron a cabo entre os puntos quilométricos 1+200 e 1+780 coa financiación da Deputación de Pontevedra. Así o comprobaron o deputado de Cooperación, Santos Héctor, e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, quen xunto a representantes da corporación local visitaron a estrada provincial adaptada ao modelo de mobilidade amable, sostible e segura que promove a institución provincial. As actuacións contaron cun orzamento de 690.000 euros financiados entre o IDAE, que concedeu para o proxecto unha achega de 514.200 € (74,5%), a Deputación e o concello, que aportaron os 175.800 euros restantes. Estes últimos están financiados integramente pola institución provincial posto que os fondos municipais apórtanse a cargo do Plan Concellos.

As persoas usuarias xa poden empregar unha plataforma de circulación que se veu ampliada e que, ademais, en case 400 metros do seu itinerario conta con sendas peonís en ambas beiras. Naqueles tramos onde non foi posible levar a cabo estas sendas a estrada provincial dispón dunha plataforma única con prioridade peonil. Ademais, para completar a seguridade viaria das e dos peóns, as obras comprenderon a execución dun paso de peóns sobreelevado e de varios redutores físicos de velocidade.

Tamén se actuou nos servizos desta estrada provincial, á que se dotou de drenaxe das augas pluviais en todo o percorrido. As obras comprenderon tamén un cambio de iluminación ao longo de todo o traxecto enfocado ao aforro enerxético ao renovar completamente a iluminación pública e dispor de farois e luces con tecnoloxía led. E pola súa banda, os servizos de subministración eléctrica e de telecomunicacións quedaron soterrados. Ademais, instalouse mobiliario urbano como bancos de madeira e habilitáronse alcorques para a delimitación das árbores existentes, que se completaron coa plantación de catro oliveiras. 

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).

 

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.