Noticias

Comeza a terceira quenda do campamento de verán Depo Aventura A Lanzada

Cada unha das quendas do programa impulsado pola Deputación de Pontevedra conta con 200 participantes de entre 8 e 13 anos procedentes de distintos puntos da provincia


07 xullo 2018
Depo Aventura

Este domingo inaugurarase a terceira quenda do campamento de verán Depo Aventura A Lanzada da man da deputada de Xuventude e Cohesión Social, Digna Rivas. Este programa da Deputación de Pontevedra, que está destinado a nenas e nenos da provincia de entre 8 e 13 anos, desenvolverase ata o 8 de setembro no Centro de Vacacións da Lanzada.

A terceira quenda contará, igual que as posteriores, con 200 participantes. A finalidade deste programa é a de achegar á mocidade actividades que contribúan ao seu enriquecemento persoal, á adquisición de habilidades sociais e ao coñecemento de espazos de interese fóra da súa contorna habitual. Polo tanto, as actividades ofertadas serán de carácter lúdico-educativo, cultural, deportivo ou formativo.

En total, as prazas ofertadas pola institución provincial para este campamento de verán ascenderon a 2.200, sendo 300 delas gratuítas para aquelas familias que se atopen en situación ou risco de exclusión social, algo que o Goberno de Carmela Silva leva facendo desde a súa chegada.

As e os participantes son rapazas e rapaces con idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos, nacidos entre o 2005 e o 2010, e que están empadroados nos concellos da provincia. Esta terceira quenda rematará o 14 de xullo e as seguintes, ata 11, serán do 15 ao 21 de xullo, do 22 ao 28 de xullo, do 29 de xullo ao 4 de agosto, do 5 ao 11 de agosto, do 12 ao 18 de agosto, do 19 ao 25 de agosto, do 26 de agosto ao 1 de setembro e do 2 ao 8 de setembro.

A principal novidade do Depo Aventura deste ano vén dada pola resposta e o compromiso adquirido tras a vaga de lumes de introducir actividades de formación e educación ambiental. Por iso, en cada unha das quendas haberá unha actividade centrada na concienciación sobre a posta en valor dos montes e a prevención dos lumes.

Xunto a esta actividade, os campamentos da Deputación tamén están orientados á consecución de hábitos saudables, ao fomento de actitudes solidarias e de convivencia, á promoción da educación e igualdade de xénero e ao fomento do respecto ao medio ambiente. Ademais, tamén se inclúe unha visita á Illa de Ons e outra de carácter cultural, deportiva ou relacionada coa natureza e, ao igual que aconteceu o ano pasado, deberán impulsar actividades en lingua inglesa co obxectivo de mellorar o seu dominio do idioma nun contexto de lecer.


Novas relacionadas

Depo Aventura A Lanzada

25 agosto 2018, lanzada, depo aventura, aventura, campamento