Noticias

Comezan as obras da rotonda de San Vicente do Grove, a segunda gran actuación de mellora da seguridade viaria no municipio

O alcalde, José Cacabelos, aplaude a colaboración institucional e fala dunha "mellora importantísima", "que demostra que para nós o rural existe"


04 outubro 2019
O Grove cruce

A Deputación de Pontevedra comezou hoxe as obras da nova rotonda de San Vicente do Grove, no cruzamento das Lampáns e As Vizocas. A actuación, que se vai executar durante os próximos meses, conta cun orzamento de 210.586,88 euros, financiados integramente pola institución provincial, e vai supoñer unha importante mellora na seguridade viaria.

A obra sitúase no punto quilométrico 5+150 da estrada provincial EP-9101 e vén solucionar os problemas derivados do cruzamento convencional existente na actualidade. A nova rotonda terá un diámetro exterior de 32 metros e inclúe sendas peonís laterais de 2,5 metros de ancho e comunicadas mediante pasos de peóns elevados. As sendas serán de formigón coloreado. A glorieta disporá de acabado interior de céspede natural. A iluminación quedará resolta por medio dun báculo central de 9 metros de altura e catro proxectores con tecnoloxía LED.

O alcalde do Grove, José Cacabelos, amosouse encantado do comezo desta obra que cualificou como "importantísima porque era moi agardada pola veciñanza e porque demostra que o rural, para nós, existe". Destacou que a nova rotonda contribuirá non só a distribuír correctamente o tránsito nun cruzamento con moita presión circulatoria entre a estrada provincial e as dúas vías municipais, senón tamén a regular a velocidade nunha longa recta.

Durante as obras da nova rotonda será necesario facer pequenas modificacións na rede municipal de saneamento, adaptando os pozos ás novas rasantes. Porén, os traballos obrigarán a cambiar o trazado actual das tubaxes de abastecemento de auga que van actualmente baixo a calzada. Deste xeito quedará tamén prevista a posibilidade de futuras ampliacións.

A nova rotonda vén complementar a mellora realizada xa o ano pasado na recta entre o cruzamento de San Vicente e a igrexa, así como os pasos elevados instalados ao paso polos núcleos rurais. José Cacabelos agradeceu á sensibilidade da Deputación, que está a cumprir os compromisos co Grove, respectando as prioridades saídas do diálogo institucional. Destacou que a colaboración entre administracións é sempre garantía de avance. "Non podemos estar máis contentos", concluíu.

A EP-9101 ten unha lonxitude de 8 km e une O Grove coa igrexa de San Vicente. A glorieta sitúase no punto onde a estrada entróncase con dúas vías municipais, unha que discorre cara o sur, comunicando coa estrada PO-317, na contorna da praia Area da Cruz e outra que leva cara o norte e remata no campo de fútbol As Lampáns.