Conta atrás para poñer en marcha o E-bike Rio Minho, o proxecto de préstamo de bicis transfronteirizas do AECT nas eurocidades

Estanse a realizar as últimas probas do software, das tarxetas de desbloqueo, e do sistema de xeolocalización

12/05/2022

E-Bike Rio Minho

Conta atrás nas tres eurocidades do Miño para poñer en marcha o E-bike Rio Minho: o proxecto de bicis transfronteirizas compartidas ou ‘bike-sharing’ impulsado polo AECT Rio Minho para fomentar a mobilidade suave e o turismo na ‘raia’. Nestes momentos estanse a realizar as últimas probas e os últimos axustes do software que controla os vehículos, comprobando as tarxetas de desbloqueo e tamén o sistema de xeolocalización. Se todo vai segundo o previsto a veciñanza e as persoas visitantes do territorio miñoto poderán facer uso do servizo antes de que comece o verán.

Segundo explica o subdirector do AECT Rio Minho Uxío Benítez, as bicicletas xa foron distribuídas entre os concellos beneficiarios (oito para cada un dos municipios de Tui, Valença, Tomiño, Cerveira, Salvaterra e Monçao). Tamén está feita a formación do funcionariado municipal de atención ao público que será encargado de informar ás persoas usuarias de como acceder ás bicicletas.

A día de hoxe estanse a facer tamén as últimas confirmacións do sistema de carga e de ancoraxe. Na parte portuguesa existe un sistema físico de instalación, mentres que na parte galega hai un sistema de estación virtual, na que as bicicletas non están ancoradas, senón simplemente ubicadas nunha zona sinalizada na que se poden coller simplemente desbloqueándoas coas tarxetas electrónicas con chip. Esta diversidade entre ambas zonas débese á aposta por poñer en marcha un sistema piloto entre o que poder escoller despois cal é máis cómodo e operativo tanto para a xestión do servizo como para as persoas usuarias.

Tamén está contratada a empresa que se encargará do balance e distribución das bicicletas, para que haxa sempre equilibrio no número de vehículos en todos os concellos a pesares da súa posible mobilidade intermunicipal. Finalmente estase a testar a área na que funcionan as bicicletas, xa que o sistema de xeolocalización permite que se bloqueen se quen a utiliza sae do ámbito autorizado.

Todos estes avances producíronse unha vez solucionado o problema de escaseza de   microchips que bloqueou a iniciativa de E-bike Rio Minho durante bastantes meses. Xa antes desta inicidencia estaban listos os trámites burocráticos para o despregue das bicicletas (os permisos municipais, os seguros e coberturas, o contrato de mantemento e tamén o regulamento de uso en cada un dos concellos...).

Este proxecto é unha iniciativa piloto pioneira na fronteira ibérica para potenciar a mobilidade suave, ou o que é o mesmo, o uso alternativo aos vehículos a motor, e enmárcase dentro do Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteiriza (PMST) promovido pola Deputación de Pontevedra no ámbito do proxecto ‘Estratexia de cooperación intelixente do río transfronteirizo do Miño’ Smart_Miño_ cofinanciado polo Programa Interreg VA. A empresa concesionaria do subministro das bicicletas é Soltráfego (responsable do ‘bike sharing’ en Lisboa ou Porto).

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.