Noticias

Luz verde da Deputación ao convenio para a mellora da seguranza viaria na rúa da Palma de Cuntis

O Goberno provincial acaba de aprobar o convenio co concello para investir 604.000 € na transformación da EP-8402 entre a rúa da Palma e o rego da Patela, mellorando a súa seguridade, funcionalidade e accesibilidade


17 abril 2021
Xunta de Goberno 16-04-2021

A Deputación de Pontevedra dá os primeiros pasos para mellorar a seguranza viaria na rúa da Palma de Cuntis, proxecto enmarcado no modelo de mobilidade sostible e segura que o Goberno provincial está a desenvolver nas estradas provinciais. Deste xeito, a Xunta de Goberno acaba de aprobar o convenio co concello a través do cal se investirán 604.000 € para a transformación da estrada provincial EP-8402 Cuntis-Cequeril, ao seu paso polo termo municipal, concretamente entre a rúa da Palma e o rego da Patela.

A través da actuación, tal e como explicou a presidenta, Carmela Silva, vaise mellorar a seguridade, funcionalidade, accesibilidade e a convivencia entre tránsito peonil e tráfico rodado nun tramo de 400 metros que conta, na actualidade, cun firme deteriorado, postes e tendidos aéreos e treitos de beirarrúas de ancho variable e sen continuidade. Deste xeito, vanse crear zonas de convivencia cunha plataforma elevada, unha vía con dous carrís de 3 metros de ancho, unha banda de aparcamento e sendas en ambas as dúas marxes cun ancho mínimo de 2,5 metros. Tamén se van executar melloras de servizos urbanos como a rede de pluviais, canalización e soterramento de electricidade, comunicacións e iluminación pública.

Máis polo miúdo, desde a intersección coa N-640 no núcleo urbano de Cuntis ata o cemiterio, crearase unha zona de convivencia de tráfico rodado e peonil. A zona fronte ao cemiterio dotarase de bancos e tamén se disporán árbores. A partir do cemiterio proxectarase unha vía con dous carrís de 3 metros de ancho, banda de aparcamento na esquerda e beirarrúas nas dúas marxes cun ancho mínimo de 2,5 m. Tamén se vai crear unha rede de recollida de pluviais e instalar luminarias led, máis eficientes e sostibles. Ademais completarase a obra con sinalización horizontal e vertical nova na estrada, separadores de carril para impedir que os vehículos invadan a senda peonil, barreira de seguridade na ponte e varandas para a contención peonil na pasarela.