A Deputación eleva a 60.000 euros a aportación para a visibilización das mulleres artistas no MARCO de Vigo

A institución aumenta en 10.000 euros a contía, destinada a mostras temporais, visitas guiadas, programación escolar e para persoas con necesidades específicas, e obradoiros

07/06/2022

A Deputación de Pontevedra reforza aínda máis a súa implicación co MARCO de Vigo e o seu compromiso coa visibilización das artistas a través dos fondos que aporta para programación e actividades destinadas a difundir a obra de mulleres do mundo da arte. A institución provincial incrementa este ano a súa contribución a 60.000 euros, 10.000 máis que en 2021, cantidade que se destina á organización de mostras temporais de autoras, visitas guiadas, programación escolar e para persoas con necesidades específicas, e obradoiros infantís, accións todas elas realizadas en torno ás exposicións. O apoio responde ao obxectivo da Deputación de promocionar a cultura e apostar pola igualdade e a pluralidade de xeito que a obra das artistas, “ademais de recoñecida pola súa calidade, que xa o está, sexa tamén coñecida pola cidadanía”, segundo manifestou a presidenta Carmela Silva.
A colaboración da Deputación co MARCO inclúe este ano, en concreto, a organización de tres exposicións temporais. A primeira, “O efecto reliquia”, de Teresa Moro, desenvolveuse desde xaneiro a maio e amosou a paixón da artista por coleccionar, rastrexar e arquivar obxectos singulares, como acto de reivindicación a través da pintura. A segunda, “As sete xanelas”, de Idoia Montón, está actualmente en exposición no museo (ata o 4 de setembro) e reúne pinturas, debuxos e collages da artista, un traballo que creou e alimentou a través da súa relación cos obxectos dos espazos que habita.

Tamén está programada a exhibición da terceira mostra froito da colaboración da Deputación co MARCO. Trátase de “Desapego” de Andrea Costas Lago,  que reúne un conxunto heteroxéneo de imaxes fotográficas, instalacións e vídeos nos que a artista reflexiona sobre a experiencia da maternidade, deixando constancia das oportunidades e desafíos que representa.

Visitas guiadas ás exposicións

Outro dos eixos do apoio da Deputación é a organización de visitas guiadas diarias a cargo do persoal do museo, abertas ao público en xeral, durante o período de vixencia das exposicións temporais. Ademais a colaboración en torno ás mostras inclúe a programación para escolares,  visitas e actividades para grupos con necesidades específicas, e obradoiros infantís dirixidos ao público familiar. Por outra banda, a aportación recolle as mostras bibliográficas e documentais, con selección de catálogos e publicacións, que a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO presenta en paralelo ás exposicións temporais. 

A Deputación apoia ao MARCO como un dos grandes referentes da cultura na provincia e en Galicia. En 2020 o seu compromiso de colaboración estable materializouse nun convenio anual por 50.000 euros co Concello de Vigo para a programación de exposicións, actividades paralelas, visitas guiadas, publicación de materiais e outras accións como a adquisición de obra de artistas, unha aportación vencellada en todos os casos á promoción de mulleres creadoras que a institución provincial renovou en 2021, e que vén de incrementar este 2022.